Social

Lonxe da familia, menores internos en centros sofren un dobre confinamento

Residentes do centro de reeducación de menores Montefiz, en Ourense, reciben un curso de prevención de riscos laborais (Imaxe: Fundación Diagrama).
O confinamento afecta física, emocional e psicoloxicamente ás menores confinadas. Para as residentes en centros de reeducación, supuxo a fin das visitas ás familias. As traballadoras que as coidan denuncian a falta de medidas de protección e limpeza que protexa este colectivo dun contaxio pola COVID-19 nuns espazos cuxa arquitectura dificulta o distanciamento ou a ventilación. 

Na Galiza, case 3.000 menores son tuteladas pola Administración, das que aproximadamente 1.300 son usuarias da rede de acollemento residencial, unha opción alternativa cando o coidado da familia extensa da menor ou dunha allea non son posíbeis.

Desde que se decretou o estado de alarma, as rapazas e rapaces destes centros —minirresidencias, pisos tutelados, centros de reeducación de menores, entre outros— non poden saír nin recibir visitas das súas familias.

Esta prohibición, que as  traballadoras dos centros comprenden e apoian, afectou sensibelmente aos rapaces e rapazas internas nun espazo de reeducación por sentenza xudicial tras cometer un delito.

"Cando a Consellaría de Política Social publicou o protocolo para os centros de servizos sociais non tivo en conta a idiosincrasia deste tipo de centros", di Julio Oitavén, educador e delegado de prevención de riscos no centro Monteledo, en Ourense, xestionado pola Fundación Diagrama. 

Contaxios

Oitavén permanece no seu fogar tras recibir a baixa por presentar síntomas propios da COVID-19, como outras cinco compañeiras. "Unha educadora deu positivo na proba e eu sigo esperando a que ma fagan. Non sabemos se outras traballadoras están contaxiadas", alerta.

En tanto, conta este educador, as seis baixas foron substituídas por persoal. "A Fundación sempre conta co mínimo de traballadoras que indican os pregos de contratación. Agora os rapaces verán caras descoñecidas, cando neste emprego é moi importante a afinidade persoal e a creación dun lazo emocional", di.

Agora os rapaces verán caras descoñecidas, conta Julio Oitavén

Segundo os datos fornecidos a Nós Diario pola Consellaría de Política Social, detectáronse dous casos de coronavirus en menores tuteladas. Ambos, aseguran, "evolucionan moi favorabelmente". 

Oitavén denuncia que as medidas non son adaptábeis á arquitectura do centro e que o persoal carece dos equipos de protección individual necesarios "para resgardar a saúde das menores e traballadoras". 

Falta de espazo

Cristina, nome ficticio dunha responsábel do centro de reeducación público Avelino Montero de Pontevedra, explica que o deseño das ventás dificulta a ventilación. "Están pensadas para que non se poidan abrir apenas", di.

Os mozos e mozas do Avelino Montero están repartidos en tres módulos. Nun deles, un rapaz garda corentena tras acudir a unha cita médica. "Porén, nos outros non podemos deixar os adolescentes nos cuartos, moi pequenos", engade Cristina.

Non podemos deixar os adolescentes nos cuartos, moi pequenos, di unha traballadora

O persoal destes centros solicitou que as adolescentes cunha situación familiar positiva ou a piques de rematar a condena retornasen ao fogar. En Montedelo ficaron 27 adolescentes; das cales 12 reciben tratamento terapéutico por adiccións ou doenzas mentais. 

No centro de reeducación terapéutica Montefiz, veciño do de Montedelo e tamén xestionado pola Fundación Diagrama, a situación é máis delicada. Conta con 21 prazas ocupadas de 23. Para aliviar emocional e psicoloxicamente a corentena, as educadoras realizan actividades ao aire libre coas usuarias seguindo as medidas de seguridade recomendadas.

O persoal non conta con máscaras, denuncia o educador Joaquí González

"Chegou un novo ingreso agora e non garda corentena", denuncia o educador Joaquín González, "e o persoal non conta con máscaras para protexer as menores dun posíbel contaxio".

Para paliar a falta de saídas e visitas permítese un maior uso do teléfono. "Hai que destacar que, por exemplo, a directiva de Montefiz realizou un bo traballo, organizando actividades máis amenas e mais adaptando os horarios a esta corentena", di Oitavén. Mais o día a día non é doado emocionalmente. "Son rapaces con moitas carencias afectivas", conclúe.