O longo camiño da innovación pola igualdade laboral

O foro que decorreu na Toxa, exemplo de desigualdade, con só catro mulleres de 40 participantes. (Europa Press)
Varias son as imaxes que poden dar a foto fixa do que supón a desigualdade entre homes e mulleres no ámbito laboral galego. O recente foro que decorreu na Toxa, onde as mentes expertas se reducían, no caso das mulleres, a 10% do programa, xunto coa propia crise sanitaria, que fixo recaer nelas o peso dos coidados, ou unha Xunta que segue sen aprobar o seu plan de igualdade 13 anos despois revelan algunhas das chaves dunha fenda que o Goberno galego xa encarou en 2007, na lei do traballo en igualdade. 

Na Galiza, o espírito que impulsa as últimas medidas adoptadas polo Goberno estatal en materia de igualdade laboral, que se sustanciaron esta semana na aprobación da regulación de igualdade retributiva entre mulleres e homes –que inclúe a obrigada creación dun rexistro salarial por sexo en todas as empresas– e dos plans laborais de igualdade, adiantouse 13 anos. 

Foi en 2007, durante o Goberno bipartito da Xunta, cando se aprobou a Lei do traballo en igualdade, unha norma que resultou merecedora do premio á innovación lexislativa do Parlamento español e en cuxa base estaba a vocación de dar "un paso adiante, que permita observar a asimetría que existe entre o recoñecemento legal dun dereito e a incapacidade na práctica das mulleres para o exerceren" mediante a adopción de medidas de acción positiva coas que "desactivar os mecanismos de discriminación indirecta e debilitar o teito de cristal".

"Foi unha lei moi completa, pioneira, que incluía a perspectiva de xénero na negociación colectiva e outras novidades, como os plans municipais de conciliación", valora Carme Adán, naquela data secretaria xeral de Igualdade polo BNG, e quen encadra aquela regulación nun Goberno "que tiña moi claro que a igualdade era unha prioridade", como se amosou –apunta– na lei galega contra a violencia de xénero, aprobada aquel mesmo ano, no plan de atención integral á saúde das mulleres, na co titularidade das explotacións agrarias ou na primeira unidade de muller en ciencia. 

"Desenvolvimos en todas as áreas un traballo transversal, tamén espoleado polo movemento feminista, que estivo moi presente", subliña, antes de valorar a última normativa aprobada en Madrid como "un paso adiante" malia non contar co apoio da patronal, "que debería dar ese paso e recoñecer que a fenda salarial existe". 

Se a norma non conseguiu o seu obxectivo de reducir a fenda salarial foi, a ollos de Adán, porque a chegada do PP á Xunta dous anos despois supuxo "a desaparición do espírito daquela lei". "Nunca desenvolveu os decretos que quedaban pendentes nin a aplicou", censura.

Traballo de igual valor

Máis optimista, a que era naquel momento delegada da Consellaría de Traballo na Coruña, a socialista María Debén –hoxe coordinadora da área de Igualdad da Delegación de Goberno español– estima que moitos dos aspectos novidosos daquela regulación seguen vixentes.

"Outra cousa é que non se apliquen coa intensidade, o esforzo e o capital humano e orzamentario adecuado para dotar o empresariado galego de instrumentos que permitan levar a cabo aquel espírito. E iso é o que agora pon en marcha o Goberno", apunta.

As modificacións en materia de conciliación para o persoal dependente da Xunta –que permitiron, salienta, o mantemento de emprego e soldo durante 30 días  para atender o pai ou a nai en caso de enfermidade, hoxe en vigor–, a introdución da paridade en todas as comisións parlamentarias, incluído o Consello da Xunta, ou a obrigatoriedade de plans de igualdade en toda a Administración pública –cun baixo grao de cumprimento hoxe en día, mesmo na Xunta, no Sergas e en moitos concellos– son algunhas das medidas que destaca, ademais da introdución, por vez primeira, do concepto de "traballo de igual valor" para recoñecer tarefas asociadas ao traballo feminino, que agora se recupera na normativa estatal.

"A sociedade está exixindo que os Gobernos poñan en marcha ferramentas con medidas sancionadoras para entidades e empresas que non cumpran. O momento da implicación, da elaboración de boas prácticas e do 'buenismo' finalizou", avisa.

Distinto era, ao seu ver, hai 13 anos, onde a lexislación galega "quixo ser un espello para o empresariado" en materia de igualdade. "Pola limitación de competencias –estatais, no ámbito laboral– as medidas de conciliación e corresponsabilidade só se podían aplicar á Administración pública", recoñece e, neste sentido, confía en que as últimas regulacións españolas terán "moita máis proxección". 

 "Agora que hai unha Consellaría de Emprego e Igualdade quizais sexa o momento de levar adiante medidas que reforcen non xa a conciliación, senón a corresponsabilidade no traballo de coidados, como desde hai tantos anos está reclamando o movemento de mulleres, unha necesidade que nesta crise da Covid-19 se está amosando intensamente. Non podemos deixar as mozas na estacada e que a atención volva recaer exclusivamente no lombo das mulleres", advirte Debén.

Discriminacións acumuladas

Para a técnica de Igualdade da CIG Ester Mariño, a fenda salarial –que na Galiza se mantén por enriba de 21%, segundo o último informe do sindicato sobre a situación sociolaboral das mulleres– é "o que visibiliza a acumulación de todas as discriminacións que sofren as mulleres no ámbito do traballo: derívase da eventualidade, da temporalidade, do uso dos dereitos de conciliación...", enumera, e alerta de que, malia os avances que poida traer o novo regulamento, a fenda salarial non diminuirá "até que non se acompañe das políticas de conciliación adecuadas".

 

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]