Loito en Campo Lameiro polo feche da oficina de Abanca

Comerciantes de Campo Lameiro súmanse ás protestas contra o feche da oficina de Abanca (Foto: Europa Press).
Comerciantes da localidade únense á protestas e á mobilización veciñal ante a clausura da única sucursal financeira do municipio. A corporación local, impulsora das críticas e da manifestación que terá lugar este 27 de agosto, advirte das consecuencias económicas e sociais desta perda.

Os estabelecementos comerciais de Campo Lameiro vestiron con crespóns negros os seus negocios para protestar contra o feche da oficina de Abanca, a única sucursal bancaria que opera na localidade e que a entidade financeira ten previsto clausurar o vindeio 8 de setembro.

Manifestación

Con esta iniciativa, os comercios de Campo Lameiro súmanse ás mobilizacións convocadas polos tres grupos que integran o Goberno municipal: PPdeG, Porvir e PSdeG-PSOE, cuxo acto principal terá lugar esta sexta feira. Así, o colectivo de comerciantes anunciou a súa participación na manifestación que partirá ás 20.30 horas da praza do Concello até a propia sucursal.

Fecharán unha hora antes para rexeitar a cando o resto da veciñanza o feche da única oficina bancaria do municipio. Segundo confirmou a corporación local tras a última xunta de portavoces, os contactos que mantiveron con representantes de Abanca nas últimas horas confirmaron a intención da entidade financeira de fechar a filial de forma "irrevogábel".

Alternativas ineficaces

Desde o Consistorio amósanse "decepcionados" e consideran "pouco realistas" as alternativas que manexa Abanca para dar unha resposta satisfactoria e eficaz ás persoas maiores e comerciantes, principais afectados pola medida unilateral adotada pola firma.

A solución que propón a entidade pasa por deixar operativo un "caixeiro intelixente" para atender as demandas dos usuarios de Abanca. unha medida que os resposábeis políticos tachan de "inoperativa", sobre todo para a xente maior, polo que estudará a posibilidade de habilitar unha "unidade móbil" que se desprazará algún día ao mes a Campo Lameiro.

A mesma folla de ruta

Os voceiros municipais coinciden en considerar "inasumíbeis e insuficientes" estas medidas. Reclaman un posto físico atendido por persoal de Abanca, "aínda que fose de forma compartida con outra oficina próxima".

Por este motivo manteñen a súa "folla de ruta", mobilizarse contra as consecuencia socioeconómicas deste feche no rural e abrir expediente de declaración de "persoa non grata" contra Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca como principal responsábel "deste atentado contra Campo Lameiro".