Abanca resiste como unha das grandes entidades financeiras á marxe da Bolsa

Abanca é, xunto con Kutxabank, a única das entidades financeiras do Estado español que se resisten a dar o salto á Bolsa. Ibercaja, outra das que se mantiñan á marxe, vén de iniciar os trámites para debutar nos parqués antes de que finalice o ano. A entidade galega agardará a que suban os tipos para dar o paso. 
O presidente de Abanca, Juan Carlos Ecotet, non é partidario de dar o salto á Bolsa de momento (Foto: Abanca).
photo_camera O presidente de Abanca, Juan Carlos Ecotet, non é partidario de dar o salto á Bolsa de momento (Foto: Abanca).

Abanca non ten présa para saír a cotizar a Bolsa, pero cada vez está máis sola nesa decisión. Tanto, que só a entidade galega e a vasca Kutxabank, controlada polas antigas caixas de aforros de Euskadi, están camiño de se converter nas únicas grandes firmas financeiras cuxa evolución quede desligada do mercado bursátil.

Ibercaja, unha entidade que leva tempo na boca dos analistas financeiros como posíbel parella de Abanca no baile de fusións, está a punto de dar o salto ao parqué. De feito, a entidade aragonesa vén de reactivar o proceso para saír a Bolsa, incluíndo a redacción dun novo folleto no que se inclúen as contas do primeiro semestre de 2021, ao entender que agora se dan as circunstancias para dar o salto. 

De momento a data non está definida, aínda que se barallan os meses de outono como posibilidade máis plausíbel. Antes, o 27 de agosto, reunirase o consello de administración da firma zaragozana para tomar unha decisión ao respecto, aínda que o proceso de saída non se podería activar até un mes despois. Outubro e novembro serían, pois, os meses nos que Ibercaja podería consumar o seu desembarco no mercado bursátil.

Obriga legal

Con todo, a situación de Ibercaja é moi diferente á de Abanca, mais non tanto á de Kutxabank. O banco aragonés debe saír a Bolsa para cumprir coa obriga legal de reducir a participación da Fundación bancaria ─controla 87,8% do capital─ por baixo de 40% antes de 2023, tal e como marca a Lei de Caixas. 

A andaluza Unicaja logrou esquivar en parte esta obriga coa fusión con Liberbank, mentres que Kutxabank, coas fundacións de BKK, Kutxa e Vital, optou por crear un fondo de reserva, a outra das posibilidades que contempla a lei e á que tamén se acollera Unicaja, para garantir o financiamento da entidade en situacións de dificultade. 

Abanca, ao ter a Juan Carlos Escotet como principal accionista, non está obrigada a acollerse a ningunha destas medidas. Porén, deixa a porta aberta a dar o salto á Bolsa, aínda que sen présa.

En varias ocasións nas que Escotet foi preguntado a este respecto, o presidente de Abanca deixou claro que a saída a Bolsa é un obxectivo, pero de momento non a curto prazo. "Somos partidarios do maior desenvolvemento do mercado de capitais e do maior número de empresas cotizadas posíbeis. Iso está no noso ADN, está na nosa esencia. Pero lamentabelmente os momentos de mercado non son os máis propicios", afirmaba. Para que se den as condicións, apuntaba Escotet, os tipos de interese deben volver subir para que as marxes amosen a verdadeira potencia da entidade galega.

Viaxe en solitario

Kutxabank, Abanca e Ibercaja teñen en común a súa determinación para seguir a viaxe en solitario. Os recentes resultados dos test de estrés do Banco Central Europeo (BCE) avalan a súa capacidade para facelo. 

Aínda así, non se descartan movementos corporativos protagonizados por estas tres entidades. Kutxabank está no punto de mira do BBVA, que xa intentara un achegamento a entidade vasca xunto co Banco Sabadell

Ibercaja, pola súa banda, fecha a porta a calquera fusión, mentres que Abanca, cun exceso de capital de 1.573 millóns de euros, non desbota seguir crecendo con novas adquisicións, aínda que recoñece que as oportunidades cada vez son máis escasas.

"É certo que esas opcións empezan a ser cada vez máis reducidas, pero non deixamos de ver ningunha posíbel oportunidade, sen perder de vista que a nosa aposta sempre vai ser tomada en conta sempre que sexa verdadeiramente complementaria, que permita xerar sinerxias e eficiencia e manter o noso modelo de gobernanza", apuntou Escotet hai unhas semanas, durante a presentación dos resultados semestrais da entidade.

Ibercaja encaixa como parella de baile de Abanca, pois as súas áreas de negocio son complementarias. Co seu desembarco no parqué ábrese unha porta, ao igual que pasou no seu día con Liberbank, para que poida entrar na Bolsa vía crecemento inorgánico. 

Comentarios