Críticas á Xunta en Verín por non dar máis incentivos ás prazas de pediatría das que depende o paridoiro

Mobilización na vila de Verín o 30 de novembro en protesta polo peche do paridoiro e das urxencias pediátricas (Imaxe: Europa Press)
O anuncio do presidente do Goberno, Alberte Núñez Feixoo, da posíbel revisión do peche do paridoiro do hospital de Verín foi recollido con cautela polas forzas políticas e polo comité do centro. Critican que a Xunta ligue a revisión da súa decisión á cobertura de dúas prazas de pediatría, cuxa convocatoria quedou deserta en xuño, e demandan que o Sergas retribúa ás profesionais que traballan fóra das grandes urbes. 

A pasada quinta feira o presidente do Goberno da Galiza, Alberte Núñez Feixoo, anunciou un cambio de postura na súa decisión de pechar o servizo de partos e de urxencias pediátricas do Hospital de Verín. O gobernante anunciou a convocatoria de dúas prazas temporais de pediatría en réxime de interinidade na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e o seu compromiso de revisar a súa decisión se se cubrían.

As forzas da oposición cualificaron a Feixoo de “hipócrita”, lembrando que esa mesma oferta quedara vacante no mes de xuño. O alcalde da Vila do Támega e representantes das tres forzas políticas do municipio, PSdeG, BNG e PP, coinciden en valorar que a Xunta recoñeza a verdadeira problemática, mais cargan contra a súa proposta para solucionala. “A falta de profesionais é a punta do iceberg. Por que se ofrecen prazas temporais? Por que se repite a mesma convocatoria? A Xunta debe ofrecer condicións máis estábeis”, reclamou o rexedor de Verín, o socialista Gerardo Seoane, en declaracións a Sermos Galiza.

“A Xunta debe ofrecer condicións máis estábeis”, reclama Gerardo Seoane, alcalde de Verín

“O certo é que se non fose pola presión social da xente a Xunta non tería feito este anuncio, esperaban que Verín permanecese calado e non foi así. E seguiremos loitando ata que a apertura do paridoiro sexa efectiva”, apunta o tentente de alcalde nacionalista Diego Lourenzo a este medio.

Mesmo o grupo local do partido popular atopou costuras na oferta do Goberno. “Non nos enganemos, en Verín estamos todos chamando a toda a nosa lista de contactos, a ver se atopamos a alguén que queira traballar aquí. O nivel de paro en pediatría é cero, cómpre discriminar positivamente aos profesionais que traballen aquí, premiándoos con incentivos salariais, por exemplo”, analiza o edil do PP Juan Manuel Jiménez a Sermos Galiza.

O alcalde verinés critica a postura do Goberno, que defende o traslado como “unha decisión técnica”. “Nun sitio como no que vivimos, non se pode dar primar a rendibilidade fronte a outros criterios, non é a prioridade. E non se pode mesturar o despoboamento coa desatención dun servizo. Precisamente se pechamos servizos a poboación trasladarase a onde poda recibilo”, salienta .

Sen pediatras
O ex xerente do centro entre 2007 e 2009, Enrique Pérez, en declaracións a este medio xa apuntara, en declaracións a este medio, a unha intencionalidade nos estudos esgrimidos polo Goberno encamiñada ao peche do paridoiro. Durante a súa xestión Pérez apostou por programas para o intercambio de profesionais “que permitisen suplir a carencia de facultativos que tiñamos, por exemplo, nas unidades de oncoloxía, oftalmoloxía e pediatría”. Pérez tamén apuntaba a “facer que as pediatras atendan á veciñanza da periferia do mesmo xeito que a das grandes urbes”. “Sempre soubemos que o problema era á falta de pediatras, pouco avanzamos”, afirma Yolanda Domínguez, secretaria da comisión do Hospital de Verín.

“Sempre soubemos que o problema era á falta de pediatras, pouco avanzamos”, afirma Yolanda Domínguez

Baixo a punta do iceberg ao que fai alusión o rexedor de Verín acumúlanse as protestas pola falta de pediatras na Galiza. As veciñas da comarca de Ferrolterra, do municipio de Mondariz ou do de Zas percorreron as rúas de Compostela na manifestación en defensa da sanidade pública o pasado mes de febreiro esixindo servizos de pediatría.

“As profesionais non contan con ningún incentivo profesional, o normal é que queiran marchar”, sinala Manuel Martín

“As condición laborais na Galiza son moi deficientes e as profesionais non contan con ningún incentivo profesional, o normal é que queiran marchar”, afirmaba o voceiro de SOS Sanidade Pública Manuel Martín a este medio. A secretaria da CIG-Saúde, Mª Xosé Abuín, demandou ao Sergas que publique o listado provisional do persoal licenciado sanitario, resultante dun pacto de selección temporal e que acumula oito meses de retraso. “Se as listas estiveran publicadas e o Sergas soubera canto persoal facultativo de pediatría hai podería proceder á súa inmediata contratación para cubrir as prazas vacantes”, reclama.