Un de cada catro lobos na Galiza padece infeccións respiratorias

Manda de lobos. (Foto: Nós Diario)
Este dato é unha das conclusións extraídas dunha investigación realizada pola USC e a Complutense de Madrid. Un dos parasitos máis frecuentes nestes cánidos é transmisíbel ás persoas.

Unha investigación realizada pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) en lobos localizados por toda a Galiza determinou que até 25% deles presenta infección por vermes cardiopulmonares, parasitos responsábeis de infeccións respiratorias en cánidos de distinta consideración.

O estudo, publicado na revista Animals, sinala que os parasitos máis comúns foron Angiostrongylus vasorum (presente en 19% dos lobos), Crenosoma vulpis (7%) e Eucoleus aerophilus (4%).

Este último, de feito, pode considerarse zoonósico —doenza animal que en condicións normais é transmisíbel ás persoas—, polo que o achado podería ter un grande impacto na saúde pública.

Entre as distintas especies de parasitos pulmonares atopáronse diferenzas. Mentres que Angiostrongylus vasorum foi atopado principalmente en animais con peor condición corporal e, por tanto, con maior probabilidade de producir infeccións persistentes ou reinfeccións, Crenosoma vulpis foi o máis frecuente nos individuos novos.

"A prevalencia de vermes pulmonares máis elevada en lobos novos podería indicar que os hospedadores intermediarios forman parte da dieta lupina durante as primeiras etapas do seu desenvolvemento", sinalou Guadalupe Miró, catedrática do Departamento de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da UCM.

Segundo informaron as institucións académicas que participaron deste estudo a través dun comunicado, para levar a cabo a investigación analizáronse un total de 57 aparellos cardiopulmonares de cadáveres de lobos recolleitos polas autoridades sanitarias da Galiza durante os anos 2016 e 2021.