Ecoloxistas alertan do estancamento da poboación do lobo na Galiza

Adega advirte do aumento da mortalidade do lobo debido á caza e ao furtivismo. (Foto: Europa Press)
A Xunta gaba a suma de tres mandas desde 2015

Co paso do tempo, a poboación do lobo foise concentrando no noroeste peninsular, sendo a Galiza, Castela e León, Asturias e Cantabria os territorios que concentran un maior número de lobos. En setembro, estas comunidades pediran en Bruxelas, como así o recolleu Nós Diario, a saída do lobo da Listaxe de especies silvestres do réxime de protección especial (Lespre) ao entender que estaba "en expansión", unha demanda que a UE declinou ao non atopar razóns para rebaixar a súa protección. A principal consecuencia da saída sería a consideración da especie como cinexética, unha condición que a asociación ecoloxista Adega criticou en varias ocasións.

Neste contexto, Adega considerou hoxe que os resultados do último censo do lobo na Galiza elaborado pola Xunta non son tan optimistas como esta anunciara. Se ben o Goberno galego mostrou a súa satisfacción ante o aumento de tres grupos da poboación do lobo con respecto ao anterior censo de 2015 –de 90 mandas a 93–, a asociación asegura que non é un dato “para aplaudir”.

Adega explica a Nós Diario que onte a o Observatorio Galego da Biodiversidade reuniuse coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen lles avanzou ás entidades os datos recollidos no censo do lobo. As asociacións pediron que eses resultados se puxesen á súa disposición para poder valorar as cifras de maneira desagregada, mais aínda non os recibiron. 

Un aumento "ridículo"

A raíz do avance de Do Campo, Adega valora que “a Xunta quere vender como un éxito a súa política conservacionista de aumentar [as mandas] con respecto ao censo anterior”, un aumento que a asociación considera “ridículo”. “Nos datos que manexamos observamos que hai mandas que desapareceron en certos territorios da Galiza, un feito que queremos verificar coas cifras do censo cando nos dean acceso a elas”. 

Segundo os datos da Xunta, a suma de tres mandas equivale a un incremento de 3,3%, unha cifra que demostra, aseguran desde Adega, a estabilización da poboación do lobo. “En 2003 -cando se realizou o censo anterior ao de 2015- xa se marcaban arredor de 90 mandas”, polo que a poboación desta especie “leva estancada 20 anos”. Esta estabilización significa que os 200 individuos novos que se incorporan ao ano son “compensados” por outros tantos que morren.

Esta alta taxa de mortalidade débese á caza, ao furtivismo, ao uso de veleno ou aos atropelos, segundo explican desde a asociación. É por isto polo que Adega pide á Xunta “que deixe de interpretar as cifras como lle convén e de usar o lobo como estratexia política”, dado que a situación desta especie “é grave” e cómpre manter a súa protección no Lespre. Este xornal intentou pórse en contacto coa Consellaría de Medio Ambiente, mais non obtivo resposta.

Pola súa parte, biólogo e experto en lobos, Pedro Alonso, explica a Nós Diario que cómpre esperar ás cifras desagregadas para poder valorar a situación. Porén, opina que o método de elaboración do censo “non foi o adecuado”, xa que estes traballos “precisan un esforzo de campo moito maior do que se levou a cabo”.

A diferenza de Adega, Alonso sostén que a inclusión do lobo no Lespre foi “a peor decisión que se tomou en materia de conservación de biodiversidade” xa que provocou “un estado de alarma social nalgunhas zonas” do país. Así, sostén que cómpre facer unha reformulación dos listados das especies protexidas para permitir que, en situacións de alarma, se poidan desenvolver programas de control demográfico.