Adega cuestiona o "optimismo" da Xunta co censo do lobo: "Amosa unha poboación estancada"

Manda de lobos. (Foto: Nós Diario)
A asociación ecoloxista urxe á Xunta mudar a súa posición e defender a inclusión do lobo no Lespre.

A pasada cuarta feira o Goberno galego gabábase dunha "evolución positiva" do censo do lobo, actualizado entre 2021 e 2022, após constatar a existencia no país de 93 mandas reprodutoras, unha cifra moi semellante á do período 2013-2015. Porén, desde a asociación ecoloxista Adega advirten que os resultados "non son tan optimistas" como anunciou a Xunta.

No proceso de elaboración do estudo —cuxa información deberá ser contrastada pola Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade e o propio Ministerio— houbo unha "cuestionábel falta de transparencia", afirma a entidade ambientalista: "Se ben foi contratado para realizarse durante o ano 2021, ampliouse a un segundo ano (2022), por ter deparado o primeiro censo de campo uns resultados moi negativos cun importante descenso da poboación, un segredo a voces difícil de ocultar".

Segundo os rexistros de Adega, nestes últimos anos a evolución das mandas foi "desigual", o que podería provocar unha "distorsión interesada" na información ofrecida pola Administración galega. Así, mentres nalgunhas comarcas si puido constatarse unha mellora, noutras con presenza histórica do lobo, en especial nas circunscricións da Coruña e Pontevedra, desapareceron varias mandas.

"Os datos non agochan os problemas de conservación que afectan a esta especie", inciden as ecoloxistas, en relación a que cómpre "matizar" esa cifra do censo global e interpretala con "cautela", pois "non pode concluírse que sexan tan favorábeis [os rexistros] como se dixo, e menos aínda falar de robustez e estabilidade da poboación".

As 93 mandas rexistradas neste último reconto son só tres máis que as do período anterior, e un dato moi semellante ao de 2003. Un aumento, polo tanto, de apenas 3,3%. "Como estima, e tendo en conta a incerteza inherente ao método, significa que as cifras son as mesmas que xa se coñecían", lamenta Adega.

Os novos datos, pois, "amosan unha poboación estancada, que nin diminúe nin aumenta significativamente, feito que indica de paso unha mortalidade moi elevada que non pode sustentarse só por causas naturais". "Será interesante coñecer, cando se libere o conxunto dos datos, como se comporta esta tendencia por provincias e comarcas, e ver que medidas adopta a Xunta naqueles lugares onde existe unha reiterada mortalidade que chegou a provocar a desaparición de mandas completas", engade a asociación ecoloxista.

A modo de conclusión, desde Adega sinalan que a taxa de reposición por reprodución do lobo é "practicamente cero". "Hai lugares no país onde todos os anos morren tantos lobos como nacen, nunha cifra que estaría por riba dos 200 lobos anuais. Entre as causas desta mortalidade continúa destacando a caza furtiva —tanto en eventos de cazarías clandestinas como en batidas legais para outras especies—; lazos —en aumento nos últimos anos— e o uso de veleno, así como os atropelos", explican.

As ecoloxistas urxen a Xunta a mudar a súa posición a respecto da protección do lobo e defender a súa inclusión na Listaxe de especies en réxime de protección especial (Lespre). "Só así poderá aprobarse a estratexia de conservación estatal e dispoñer canto antes dos fondos para prevención, pago de danos e medidas de coexistencia. Como acaba de lembrar a Consello da UE non hai xustificación científica para rebaixar a protección do lobo como demandan a Xunta e os seus acólitos", precisan.