O litoral galego entra este domingo en alerta laranxa por temporal

O litoral galego está en alerta laranxa este domingo (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará ao mediodía deste domingo con mar combinada do noroeste con ondas de até 7 metros.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta da Galiza activou para este domingo unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará ao mediodía deste domingo con mar combinada do noroeste con ondas de até 7 metros.

Alerta amarela desde a mañá

Indica tamén que xa desde primeiras horas da mañá haberá alerta amarela en todo o litoral da Galiza con ondas de até 5 metros.

A Xunta lembra a importancia de manterse lonxe da liña de costa (diques, rompentes ou paseos marítimos.

Extremar medidas de seguranza

Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguranza á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.