A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta da Galiza activou para este domingo unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará ao mediodía deste domingo con mar combinada do noroeste con ondas de até 7 metros.
Alerta amarela desde a mañá
Indica tamén que xa desde primeiras horas da mañá haberá alerta amarela en todo o litoral da Galiza con ondas de até 5 metros.
A Xunta lembra a importancia de manterse lonxe da liña de costa (diques, rompentes ou paseos marítimos.
Extremar medidas de seguranza
Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguranza á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.