Educación

Lingua Galega e Literatura inaugurará os exames da ABAU o 4 de xuño

Exames de ABAU en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Publicados os cambios nas probas para acceder á universidade.

Os horarios oficiais para a proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) foron publicados hoxe pola Comisión Interuniversitaria da Galiza, que efectuou modificacións ao respecto do anterior calendario para facilitar a compatibilidade, aseveran, entre certas materias.

A convocatoria ordinaria terá lugar entre o 4 e o 6 de xuño, o primeiro exame, após unha presentación ás 9 da mañá, será Lingua Galega e Literatura ás 10 horas, cunha duración de hora e media como o resto de test.

Ás 12 horas será a quenda de Primeira Lingua Estranxeira, sexa inglés, francés, alemán, portugués ou italiano, e ás 16 horas desenvolveranse os exames de Física, Grego, Debuxo Técnico Aplicado ás Artes Plásticas e ao Deseño, Artes Escénicas e Ciencias Xerais, antes do inicio ás 18 horas das probas de Matemáticas, Xeografía, Fundamentos da Arte, Fundamentos Artísticos e Literatura Dramática.

Xa ás 9.30 da segunda xornada decorrerán os test de Lingua Castelá e ás 11.30 os de Historia de España e Historia da Filosofía. Unha vez rematadas as materias comúns, ás 16 horas están programados os de Xeoloxía e Ciencias Ambientais, Latín, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Movementos Culturais e Artísticos, mentres Química, Historia da Arte, Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica e Análise Musical quedan ás 18 horas.

No último día o programa só contempla exames de mañá. Ás 9.30 Bioloxía, Tecnoloxía e Enxeñaría, Deseño, Historia da Música e da Danza e Segunda Lingua Estranxeira, e ás 11.30 Debuxo Técnico, Empresa e Deseño de Modelos de Negocio, Debuxo Artístico e Coro e Técnica Vocal.