A liña da costa galega retrocederá tres metros e a auga doce reducirase en 14%

O encoro de Belesar este domingo, sen case auga (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Alerta por seca, incendios e altas temperaturas, fenómenos os tres que están a marcar este inicio de verán galego e que, advirten as persoas científicas, van facerse habituais. Un estudo do Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre cambio climático debuxa unha Galiza en 2040 distinta á que coñecemos.

"Redución das precipitacións, aumento de fenómenos extremos e de temperaturas máximas e mínimas, vagas de calor máis prolongadas; no medio mariño prevese o aumento da temperatura superficial da auga, a suba do nivel do mar e cambios na salinidade e nas ondadas". Estas son algunhas das conclusións do estudo Impactos e riscos derivados do cambio climático en España, elaborado por 17 especialistas e publicado polo Ministerio de Transición Ecolóxica.

Un informe que alerta do incuestionábel dos riscos de erosión, seca e degradación de hábitats que implica o cambio  climático, tamén para a Galiza.

Así, advirte que a Galiza pode ver reducida até en 3 metros a liña do seu litoral en 2040, unha situación que implicará a "perda de praias" e tamén efectos sobre a poboación e tecido socioeconómico que existe  a pé de costa. A Galiza, canda Canarias e a costa cantábrica, serían os territorios do Estado máis afectados por este retroceso.

Este fenómeno de perda de litoral ou 'inundación costeira' repercute no "uso dos chans" afectados por mor do quentamento global. "As infraestruturas serían as máis afectadas polas inundacións costeiras, seguidas do solo para actividades industriais. Resulta rechamante que na costa atlántica —A Coruña e Pontevedra— entre 15% e un 20% da superficie de infraestruturas atópase en zonas de risco por inundación costeira", afírmase no estudo. Mais non só a industria e infraestruturas, tamén as poboacións. "A poboación exposta a inundación permanente podería alcanzar 3% na Coruña".

Temperaturas

Ao tempo, haberá un progresivo aumento da temperatura media da auga, que na costa atlántica galega será de 0,028º cada ano. Ese incremento importante na costa da Galiza da temperatura, e da "acidificación da auga e os cambios en afloramentos mariños están a impactar a recursos chave como a sardiña, o polbo ou o mexillón". A este respecto, o estudo recolle como "as comunidades costeiras e colectivos marisqueiros esperan no futuro ver diminucións na abundancia ou desaparicións de especies comerciais clave para a próxima década".

Perda produtiva

O cambio climático terá impacto tamén na agricultura e a gandaría. "Nalgunhas zonas da Galiza as perdas na produción de millo poden chegar a 50%", afirma o documento. Non poucos estudos alertan de que afectará, negativamente, a sectores como a da produción de leite ou o sector do viño tal e como se coñece.

Porén, a previsión dunha diminución da achega de auga doce até 14% na Galiza augura dificultades. O IINE informaba onte que cada fogar galego consume 130 litros por persoa ao día, 4% máis que dous años antes.