En liberdade con cargos os oito detidos logo de declarar na Audiencia Nacional

Solidariedade cos detidos nun partido de fútbol gaélico.

O xuíz Eloy Velasco puxo en liberdade os oito detidos logo de declarar esta mañá na Audiencia Nacional cunha soa medida cautelar: a retirada do pasaporte. 

O xuíz impútalles un delicto de colaboración e integración en organización terrorista por formar parte de Causa Galiza, organización a quen tamén suspendeu de actividades durante os dous vindeiros anos. Tamén se lles retirou o pasaporte e prohibíuselle a súa saída do Estado español. 

Segundo o avogado dos detidos, Manuel Chao, “é unha cuestión moi indiciaria, non se sabe que probas hai e é todo moi ‘sui generis’”, pero ademais da organización dun acto do Día da Galiza Combatente, barallan outros feitos, como “utilización de fotos de presos, publicacións na rede e mesmo conversas co BNG, participación no proceso de constitución de Anova, etc.”. 

Na opinión do letrado, neste procedemento “estase a violar o dereito de asociación e participación política, ademais de penalizar conductas que non son penalizables”. De todos os xeitos, sinala, “isto só é o inicio e igual acaba todo arquivado como xa aconteceu noutras ocasións”. 

Os oito militantes de Causa Galiza que declararon esta mañá xa están camiño de volta a Galiza. Foron arrestados a pasada sexta feira nun operativo ordenado pola Audiencia Nacional en Compostela, Boiro, Muros, Pontevedra e Vigo. 

O noveno detido na operación, que non viaxou até Madrid por motivos de saúde, foi citado para declarar o vindeiro día 14 de decembro.