“Estas detencións perseguen ideas, non presuntos terroristas”

Concentración en Compostela. Imaxe: @ceivar

Organizacións políticas galegas e do ámbito internacional rexeitan o operativo do Ministerio de Interior no que se arrestou 9 militantes de Causa Galiza. @s detidos xa están na Audiencia Nacional. Varias concentracións en Galiza pediron a súa liberdade.

Organizacións políticas de Euskal Herria, Catalunya, Castela e, nomeadamente, Galiza emitiron posicionamentos de rexeitamento ao operativo ordenado pola Audiencia Nacional contra o que o Ministerio de Interior cualificou de “entorno de Resistencia Galega” e que culminou coa detención de 9 militantes da organización política Causa Galiza. Quer a través das redes sociais, quer a través de comunicados, a mensaxe a trasladar foi a de que esta operación supuña unha “criminalización das ideas” e non un operastivo 'anti-terrorista”.

Así, o BNG sinala que “as detencións perseguen ideas, non presuntos terroristas” e sumábase a un “non á criminalización das ideas”. Desde Anova-Irmandade Nacionalista falan de “campaña do medo” do Estado español e reiteran que “o independentismo non é un delito”. Nesa mesma liña se manifestou o Movemento Galego ao Socialismo, incidindo en que “facer política non é delito” e expresando a súa solidariedade para cos detidos. Tamén a FPG denuncia o que entende que este operativo é: “Criminalización do independentismo” e advirte da “deriva totalitaria do Estado español”. Agora Galiza fala “dumha clara finalidade política e mediática.” no operativo e exixe a liberdade dos detidos. Desde a CIG saliéntase que "o operativo non ten xustificación" e advírtese de que a actuación "obedece a intereses políticos e ten como obxectivo criminalizar e amedrentar o independentismo". Tamén o sindicato CUT e organizacións como Galiza Nova, Primeira Linha, Isca, Briga, Xeira ou Agir emitiron declaracións a respeito das detencións desta sexta feira.

CUP, Sortu e o Movemento Continental Bolivariano

No eido internacional, desde Catalunya, Endavant ou a Candidatura d'Unitat popular (CUP) demandaban a liberdade dos arrestados no operativo, ao igual que Ernai e Sortu desde Euskal Herria, que ligaban a defensa da “liberdade de expresión e actividade política” para contrarestar as detencións. Tamén desde Castela Yesca amosou o seu rexeitamento ao operativo. O Movemento Continental Bolivariano (MCB) exixía a través da súa dirección a liberdade dos detidos.

Audiencia Nacional

Oito das nove persoas detidas xa foron trasladas a Audiencia Nacional, desde onde comunicaron cos familiares, aos que transmitiron que estaban ben e que o trato, dentro do que cabe neste tipo de operativos, fora correcto. Salva G. non foi trasladado a Madrid polo seu delicado estado de saúde, pois está convalecente dunha operación. A única acusación contra os detidos é o de “enaltecemento do terrorismo” por orgabnizar un acto público en Vigo o pasado 11 de outubro con motivo do Día da Galiza Combatente. Xornada que a esquerda independentista leva comemorando desde o 2002.

Na tarde desta sexta feira decorreron concentracións de solidariedade para coas persoas detidas en diferentes cidades e vilas de Galiza. Compostela, Boiro, Coruña, Ferrol ou Burela foron algunhas das localidades.