OPERACIÓN JARO

Os independentistas de Causa Galiza declararán esta segunda feira perante o xuíz

Solidariedade cos detidos nun partido de fútbol gaélico.

Está previsto que declaren esta segunda feira perante o xuíz da Audiencia Nacional. Nos últimos anos perto de medio cento de galeg@s foron procesados baixo acusación, que é cualificada de "difusa" por sectores da avogacía. Ceivar manexa a hipótese de que os independentistas sexan postos en liberdade esta mesma segunda feira, após prestaren declaración.

 

Oito dos nove militantes de Causa Galiza detidos esta sexta feira nun operativo ordenado pola Audiencia Nacional declararán esta segunda feira perante o xuíz, trámite após o que poderian ficar en liberdade, segundo apontan desde o movemento anti-represivo Ceivar, mais “nestas circunstancias nada se pode afirmar ao 100%”, preveñen. Os oito independentistas - un noveno non foi trasladado a Madrid polo seu estado de saúde- están acusados de 'enaltecemento do terrorismo' por un acto público que decorreu en Vigo o pasado 11 de outubro, o 'Día da Galiza Combatente'. Unha comemoración que o independentismo leva celebrando desde o 2002.

Os arrestados, membros da Dirección Nacional de Causa Galiza, están na comandancia madrileña de Tres Cantos, desde onde comunicaron con familia e avogados (non están incomunicados) para trasladarlles que se atopaban ben.

Nos últimos tres anos por volta de medio cento de galegos teñen sido procesados baixo a acusación de 'enaltecemento do terrorismo'. En maio de 2014 fontes de Ceivar afirmaban que "unha trintena de galeg@s foron procesad@s acusados de enaltecemento do terrorismo". Desde aquela, a cifra foi aumentando até hoxe, en que se calcula que xa se acadou o medio cento.

As persoas detidas, membros da Dirección Nacional de Causa Galiza, non están incomunicados

“É un concepto que poderiamos dicir difuso, e polo tanto perigoso”, sostiña o avogado Xosé García en conversa con Sermos Galiza hai varios meses, que lembraba que se ten empregado esta acusación contra “rapeiros polas súas letras, como Pablo Hasel; internautas,contra manifestantes que portaban fotos de independentistas presos,...”. Co de ''concepto difuso'' para definir 'enaltecemento' García refírese a que "a diferenza do anterior de apoloxía do terrorismo, o enaltecemento abarca cuestións como a humillación ou menosprezo ás vítimas,o que é moi laxo, unha especie de caixón de xastre onde pode caber de todo".

Unha opinión partillada polo tamén avogado Borxa Colmenero, que ten defendido a vari@s galeg@s en xuñizos por 'enaltecemento'. Colmenero lembraba naquela altura para Sermos Galiza que nos dez de casos que defendeu o seu despacho de galeg@s acusad@s de 'enaltecemento' todos foron arquivados. Mais, lembraba, séguese a acusar a nova xente de enaltecemento polas mesas causas e nos mesmos termos que nas causas que xa foron arquivadas. Por que?."É unha ferramenta de control político e social", considera este letrado