Mar

En liberdade con cargos os bateeiros detidos en San Caetano

Cargas policiais na manifestación desta quinta feira en San Caetano.
Pasaron case oito horas na Comisaría de Santiago e saíron con dous cargos imputados: atentado contra a autoridade e altercados públicos.

As dúas persoas detidas na protesta dos bateeiros que decorreu esta quinta feira ante a sede a Xunta en San Caetano, en Santiago, saíron da Comisaría da capital galega case oito horas despois e logo de prestar declaración ante a Policía. No marco destas protestas, informa a axencia Europa Press, atribúenselles dous cargos: atentado contra a autoridade e altercados públicos. Pasarán a disposición xudicial nos próximos días.

A concentración, que segundo o delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, non fora comunicada previamente, produciuse desde as 8 horas fronte ao complexo administrativo do Goberno galego en San Caetano, e fontes da delegación aseguran que algúns dos participantes tentaron "subir o valo" para acceder ao edificio, alén de "incendiar colectores e arroxar pedras aos axentes", extremos que negan os manifestantes.

Pouco despois das 9 horas houbo unha carga policial, na que varias persoas resultaron feridas, tanto manifestantes como axentes, segundo a información transcendida até o momento, e foron detidos dous participantes na protesta, agora xa en liberdade con cargos.

Os bateeiros censuraron a actuación policial por "desproporcionada" e a próxima terza feira volverán reunirse para analizar a situación, no medio dun conflito que se prolonga desde hai semanas e que se debe á escaseza de mexilla —semente coa que cultivar o mexillón— e que os enfronta a outro sector do mar, o dos percebeiros.

Pola súa parte, Gómez Besteiro eludiu falar de "proporción ou desproporción" na intervención da Policía Nacional, e lembrou que o da mexilla é un "problema" que "compete" á Xunta da Galiza, no albo das críticas tanto de bateeiros como de percebeiros.

"A concentración era pacífica, como o foron todas até agora. Os altercados foron provocados polos antidisturbios para desacreditar e desaloxar a xente", asegurou en conversa con Nós Diario José Manuel Oubiña, presidente da Asociación de Mexilloeiros da Illa de Arousa.

Ao tempo que os produtores de mexillón protestaban en Compostela, representantes do sector entrevistábanse coa patronal conserveira, Anfaco, para trasladarlle o seu "malestar" ante as medidas adoptadas pola Consellaría do Mar.