O debate

Percebeiros e bateeiros: quen é o prexudicado no 'conflito da mexilla'?

(Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Bateeiros e percebeiros están enfrontados polas zonas de traballo, un desencontro no que os dous sectores apuntan ao desleixo da Xunta.

Cando se fala do sector do mexillón

Álex Tubío. Bateeiro, presidente da Federación Arousa Norte

Cando se fala do sector do mexillón sempre se dan cifras de toneladas de produción, de milleiros de persoas dependentes directa ou indirectamente desta actividade, da cadea de valor xerada (depuradoras, estaleiros, cocedoiros, fábricas de conserva, de rede…). Rara vez se di que eses máis de douscentos millóns de quilos de mexillón son alimento. Cando se cultiva o mexillón non se están mantendo postos de traballo, estase realizando unha actividade produtiva, necesaria e sostíbel, posto que quizás sexa o cultivo máis respectuoso co seu medio. Todo o labor de cultivo comeza coa obtención da semente de mexillón, a mexilla, que procede dos desoves e se fixa nas rochas do litoral galego. Adoita facelo no exterior das rías, onde tamén se realizan outras actividades de extracción por parte das confrarías desas zonas, concretamente a extracción do percebe. A actividade da extracción de percebe ten graves dificultades, comezando porque a súa propia normativa permite que, de todo o percebe extraído, 40% sexan crías que se descartan, seguindo pola alta taxa de furtivismo e rematando co cambio climático que a todos nos afecta.

Isto fai que haxa presión por parte destas confrarías sobre a actividade da mexilla. A norma que regula a recolección de mexilla (do ano 2000) xa permite ás confrarías recoller mexilla para os mexilloeiros a través da realización de convenios. Esta solución serviu durante moitos anos, até que o aumento da presión provocou que, en decembro de 2019, a Xunta da Galiza aprobou un decreto no que lle daba competencia aos plans de xestión do percebe para estabelecer zonas de reserva para a extracción de mexilla. Parece un erro pero non o é.

"Toda mexilla que non se recolle acaba arrincada da rocha polo mar"

En base a isto, os plans aprobados en decembro de 2020 estabelecen que case 20% da costa das provincias da Coruña e Pontevedra (únicas habilitadas para a mexilla), só se poidan utilizar exclusivamente para a extracción de percebe (ademais de todo o resto da costa). Isto deixa os mexilloeiros sen rochas para abastecer as bateas, prohibíndolles exercer unha actividade que levan realizando do mesmo xeito e no mesmo lugar durante 70 anos, e sen que en ningún momento se atopase ningún mexilloeiro extraendo percebe nin provocando impacto no entorno.

É bo destacar que toda aquela mexilla que non é recollida acaba sendo arrincada da rocha polo mar.

Este cambio na normativa supón, ademais de xerar un forte enfrontamento entre os dous sectores, pór en perigo toda esa produción e, por tanto, facer cambalear toda a cadea de valor dependente da actividade. Lonxe de asumir o erro cometido e tentar solucionalo, a Consellaría do Mar opta por difundir mensaxes sen ningún fundamento, tratando de xustificar a situación creada.

De todos eles, o que máis molesta ao sector mexilloeiro é a afirmación de que mudou o modelo de produción chegando a sacar dúas e tres colleitas anuais e, de ser así, sería necesaria unha maior cantidade de mexilla e ao mesmo tempo habería menos desoves por comercializar mexillón inmaduro. Sobra dicir que o proceso de crecemento do mexillón é totalmente natural, alimentándose unicamente co plancto das rías, non sendo posíbel provocar un crecemento acelerado. O mexillón necesita o seu tempo para medrar e lograr unha talla comercial. Por outro lado, o ano de maior produción foi 2006, hai case vinte anos. Como se pode xustificar o aumento de colleitas anuais sen haber un aumento no total de produción anual?

O tempo acábase, o problema agrávase. A solución non é doada, pero canto máis tempo tarde a Consellaría en intentar arranxar o despropósito creado máis graves serán os prexuízos sufridos por todos.


Gobernar é asumir responsabilidades

Javier Mariñas. Percebeiro, patrón maior da Confraría da Coruña

Gobernar é asumir responsabilidades, tomar decisións valentes e con criterio. Non consiste en ficar como espectador diante da sociedade cando hai un conflito. E, hoxe en día, hai un conflito entre bateeiras e bateeiros con percebeiras e percebeiros que vou tentar explicar. O conflito ten a súa orixe na falta de control e no “deixar facer” a un sector, única e exclusivamente polo poder e a capacidade de presión que ten. Aquí hai dous sectores do mar enfrontados, un, que acabo de describir e que é o dos bateeiros, fronte a outro que é o dos percebeiros e que está sometido ao control e á presión por parte das institucións para cumprir con criterios de sustentabilidade da especie: permisos de explotación, topes diarios, trazabilidade, delimitación zonal segundo a dispoñibilidade do recurso e control diario de capturas.

Para entender ben o que supón a “barra libre” que se permite aos bateeiros en comparación cos percebeiros, alén de explicarvos o control ao que se nos somete, hai que ver como afecta á sustentabilidade do ecosistema das pedras mariñas. Como sabedes, tanto o percebe como o mexillón danse en todas as rías galegas, mais coa característica de que o percebe precisa mar batente oxixenada que se dá tanto en mar aberto como na boca das rías. Unha verdade a medias repetida mil veces é que a mexilla e o percebe danse en sitios diferentes.

"Pedimos que os bateeiros teñan unha regulación, como todos"

Cando se coloniza unha pedra, na que en realidade conviven arredor de 20 especies, nun primeiro momento entra o arneirón, as lapas, os caramuxos e a mexilla. Unha vez colonizada de mexilla, no medio, e protexidas por ela, aparecen as larvas de percebe. Por iso, os bateeiros, cando arrincan todo da pedra, rompen o ciclo. E no momento en que a pedra está limpa o primeiro colonizador é un tipo de alga que impide a fixación das larvas de mexilla e de percebe.

Mais para que estas pedras volvan ser produtivas poden pasar entre catro e cinco anos: ou sexa, pan para hoxe e fame para mañá. E, coa fin de que se entenda todo, vou tentar explicar tamén cal é o ciclo da cría de mexilla e a batea. Consta de 5 etapas: obtención da mexilla; colocación de xuvenís na corda da batea; desdobre, ou sexa, cando medra o mexillón e do que era unha corda fanse dúas; engorde; e, por último, colleita.

Pensade que cada batea ten entre 200 e 600 cordas, que un ciclo normal entre a cría e a colleita era dun ano, que había tres soltas de gametos filtrados ao mar que coas mareas fixaríanse nas pedras e sería a cría que posteriormente se iría recoller.

Que mudou nos últimos anos? Ante a demanda de mexillón pequeno, estas cinco etapas acortáronse no tempo facendo que se producisen entre dúas e tres colleitas nun ano a costa dunha sobre-explotación da mexilla.

Os bateeiros, a diferenza dos percebeiros, non estaban sometidos a un ámbito territorial de traballo para recolleren a mexilla: tiñan toda a costa galega. Cando foron rematando coa mexilla dentro das rías, comezaron a ir a zonas onde nunca foran e que eran zonas de percebe: ou sexa, alí onde o mar bate e conviven as dúas especies, como xa explicamos. Aí comezou o conflito.

A Consellaría do Mar, seguindo o criterio da sustentabilidade dos recursos mariños, restrinxiu as zonas máis sensíbeis de percebe. Con todo, eles seguen contando coa autorización de extraer mexilla no 86% da costa.

Que pedimos os percebeiros? Que para poder convivir os dous recursos en igualdade de condicións, os bateeiros teñan unha regulación semellante á nosa en base tamén aos criterios biolóxicos, de sustentabilidade e control diario por parte das Administracións. Ou sexa, o que non só temos nós, como percebeiros, senón tamén o resto da frota e das traballadoras e traballadores do mar. Nin máis nin menos.