Levan Naturgy á Fiscalía por unha corta de árbores centenarias nas Pontes

Parque eólico operado por Naturgy no concello da Pastoriza (Foto: Europa Press).
A entidade ecoloxista Arco Iris presentou a denuncia contra á empresa pola presunta actuación "ilegal" nunha parcela da parroquia de Bermui. Segundo afirma, unha subcontrata da compañía tería actuado "sen ningún tipo de permiso nin coñecemento dos seus lexítimos propietarios".

A asociación Arco Iris presentou esta sexta feira unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente contra a empresa eléctrica Naturgy por unha suposta corta "ilegal" de árbores autóctonas centenarias no municipio das Pontes.

Os feitos sucederon hai tan só uns días, segundo traslada a asociación, nunha parcela particular situada na parroquia de Bermui, no lugar de Castroverde.

Unha empresa contratada por Naturgy tería entrado no terreo para cortar diversas árbores centenarias "sen ningún tipo de permiso nin coñecemento dos seus lexítimos propietarios".

Os feitos denunciados constan en atestados da Garda Civil e Policía Municipal. Segundo a información facilitada pola asociación, os operarios que acudiron á leira tiñan ordes de cortar árbores cunha marxe de oito metros a cada lado do cableado e deixaron de facelo ante as queixas da propietaria.

Arco Iris advirte que a zona afectada "está considerada como de protección rural polo propio Concello" e que entre as especies cortadas hai salgueiros, castiñeiros e carballos centenarios.

Aliás, asegura que a actuación da empresa "vulnera varios artigos do Código Penal e atenta contra o patrimonio natural".

Naturgy escúdase en "tarefas de mantemento"

Pola súa banda, fontes de Naturgy trasladaron que este tipo de tarefas están enmarcadas nos labores habituais e normais de mantemento das liñas de distribución eléctricas, "traballos necesarios para o óptimo funcionamento da rede de distribución, así como para a prevención e defensa contra os incendios forestais".

Defenden ademais que UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, realiza as operacións de xestión de biomasa en cumprimento da lei.