"Se nós caemos, cae toda a sanidade pública": primeira xornada de folga na Atención Primaria
A CIG-Saúde e O'Mega mantiveron a convocatoria da folga para a Atención Primaria, que principiou esta cuarta feira e que continuará hoxe e mañá. Un paro convocado de forma unánime contra a proposta presentada pola Consellaría de Sanidade o pasado día 17 e que puxo en pé de guerra todos os sindicatos e organizacións médicas. Mais CCOO, UXT, Simega CSIF e desmarcáronse na segunda feira ao alcanzaren un acordo coa Consellaría, argumentando que Sanidade procedera á "retirada íntegra" da proposta.
Manuel González Moreira, da Executiva da CIG-Saúde –sindicato maioritario na sanidade—, indica a Nós Diario que a central nacionalista mantén as tres xornadas de paro xeral ao considerar insuficiente o paso dado pola Consellaría: "Aínda que recolle algunha das melloras que levamos anos reclamando, non ten perspectiva de futuro para a Atención Primaria, nin dá resposta á grave crise na que se atopa". O presidente de O'Mega, Manuel Rodríguez, pola súa parte, explicou a este medio que a postura da Consellaría non dá "garantías" de mellorar a situación. "Levamos anos de deterioro da Atención Primaria", afirma este médico de familia con praza en Mondariz (O Condado).
O persoal de Primaria que secunda o paro partilla a preocupación pola situación do servizo. "Esta folga non é por temas salariais", sinala a Nós Diario Alfonso Couso, médico no centro de saúde de Sada (comarca da Coruña), quen destaca que "é principalmente para mellorar as condicións da Primaria". Incide nas "axendas inasumíbeis", con "50 ou 60" pacientes pra atender nunha quenda e que derivan nun "corre-corre" no que é imposíbel unha atención sanitaria adecuada. "O seguimento dos enfermos crónicos, por exemplo, faise imposíbel", apunta o facultativo.
Unha opinión que partilla Flora Miranda, médica especialista en Medicina Familiar e Comunitaria que exerce no centro de saúde da Estrada (Tabeirós-Terra de Montes). "Ter que atender nunha garda 50 persoas non é bo nin para nós nin para elas", di a Nós Diario, ao tempo que alerta da "sobrecarga asistencial crónica deste servizo". "Levo 25 anos en Atención Primaria e nunca vin tanto consenso en dicir que non se pode seguir así", asegura.
📺Protesta en Catoira contra os recortes na Atención Primaria: "O conselleiro de Sanidade, Antonio G. Caamaño, convertese nun home do saco e rouba os servizos do Centro de Saúde de Catoira." https://t.co/605YyVJ1U2 pic.twitter.com/zGIcPQ014z
— Nós Diario (@NosDiario) November 26, 2025
O sentir é partillado por persoal de Primaria que non é médico, como Rosa Ermida, que é persoal de servizos xerais (PSX) no centro de saúde de Neda (Ferrolterra). "A carga administrativa en Atención Primaria aumentou moitisimo nestes anos, hai que contratar máis persoal e dimensionar ben os cadros de persoal", reivindica, "porque tal e como estamos, e cada vez con máis traballo, a situación non pode seguir así, e quen o sofre, ademais de nós, son os usuarios".
Ás persoas usuarias refírese Alfonso Couso. "Eu teño unha lista de espera para consultas de tres semanas. Que fai a xente que non pode agardar tanto? Pois opta polas Urxencias". De feito, e segundo os datos do último Barómetro Sanitario do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), de 2024, na Galiza case catro de cada dez (38%) persoas que non conseguiron unha cita inmediata optaron por recorrer ao servizo de Urxencias. A media de espera para ser atendido por un médico de familia é de oito días, segundo o Barómetro, un aumento a respecto dos 6,7 días de espera de 2023, e 20% dos pacientes que necesitan unha consulta de Atención Primaria na Galiza afirman que non a conseguiron.
"A Primaria é o soporte da sanidade, tratamos 80% da poboación e hai que pór remedio ao seu deterioro", demanda Couso. Para Flora Miranda, "se cae a Atención Primaria, cae todo o sistema de saúde público". Denuncia que todas e todos os profesionais do servizo "fan un traballo moi valioso" mais que "non se valora por parte dos que xestionan".
E a falta de valoración tradúcese en situacións como que a Atención Primaria conta co menor número de prazas de persoal médico dos últimos 15 anos. Se en 2023 prestaban o seu servizo nos centros de saúde 2.604 facultativos e facultativas; en 2025 fano 2.463. Ou que dos 45.294 profesionais que traballan na sanidade pública galega, 22.400 non teñen praza fixa. A porcentaxe de temporalidade aumentou en dez puntos en seis anos.
Seguimento do paro
O Sergas indicou esta cuarta que a folga sanitaria alcanzou, durante a quenda de mañá, un seguimento de 6,89% na totalidade dos centros sanitarios de Atención Primaria, tendo maior repercusión na área sanitaria de Santiago e O Barbanza, con case 12%. Para a CIG, porén, e malia os "servizos mínimos abusivos impostos", a valoración do seguimento é positiva, afirmando que hai un "elevado seguimento da folga" e animando a secundar o paro e as mobilizacións convocadas para hoxe e mañá.
A Asemblea de Médicos da área sanitaria da Coruña cifrou en 60% o seguimento da folga entre facultativos nesa zona.
Traballadoras e traballadores dos centros de saúde e dos PAC manifestáronse esta cuarta feira ao redor da sede da Consellaría de Sanidade, en Compostela, coincidindo coa primeira das tres xornadas de folga convocadas "para exixir unha aposta política decida polo futuro da Atención Primaria e a sanidade pública", como incide a central nacionalista. "Levan décadas asfixiándonos", resume Flora Miranda.
Catoira, Ourol, Vigo ou Ribeira, exemplos da falta de persoal
A veciñanza de Catoira (comarca de Caldas) volveu concentrarse esta cuarta, por 25ª semana consecutiva, para denunciar a falta de médicos e de pediatras no seu centro de saúde, o que obriga a poboación a desprazarse ás Urxencias de Vilagarcía (O Salnés). Esta cuarta feira , un veciño cunha carauta coa cara do conselleiro dedicouse a meter nun saco os papeis que portaba a veciñanza con demandas como unha ambulancia ou un pediatra. "Así nos rouba Sanidade os servizos", denunciaron.
Mais a falla de persoal non é exclusiva desta localidade. En Ourol (A Mariña) o Concello denunciou que o centro de saúde ficaba sen médico fixo pola xubilación do que había, polo que non habería urxencias e a cobertura de substitución sería só de catro horas ao día. En Vigo, en centros de saúde como o da rúa de Cuba ou o de Pintor Colmeiro denunciaron que levan tempo derivando de forma sistemática todas as urxencias que chegan pola tarde ao PAC, porque non hai suficiente persoal para atendelas. A Pobra do Caramiñal e Ribeira (O Barbanza) manteñen desde hai tempo mobilizacións veciñais pola falta de persoal nos seus ambulatorios. No ribeirán faltan catro médicos de familia e no pobrense "desapareceu", en palabras de SOS Sanidade Pública, unha praza de persoal médico e mais outra de enfermaría.


