Principia en Atención Primaria a folga contra o seu "deterioro"
A Atención Primaria vive hoxe o primeiro dos tres días da folga convocada contra a proposta da Xunta para este servizo, "que deteriora as condicións laborais e a prestación asistencial", afirma a CIG-Saúde, sindicato maioritario e o único da mesa sectorial de Sanidade que mantén o paro após o acordo alcanzado na noite esta segunda feira por UXT, CCOO e CSIF co Sergas.
Desde hoxe e até a sexta feira o persoal de Atención Primaria está convocado á folga para rexeitar o plan da Consellaría de Sanidade para este servizo. Unha convocatoria que mantén a CIG-Saúde e da que se descolgaron CCOO, UXT e CSIF após o acordo alcanzado con Sanidade na noite da segunda feira.
Estas tres centrais din que o Sergas aceptou a "retirada íntegra" das medidas incluídas no documento presentado na mesa sectorial o pasado 17 de outubro e que puxo en pé todos os colectivos sindicais, profesionais e científicos da Atención Primaria. Porén, o sindicato maioritario no sector, a CIG, afirma que a última proposta trasladada pola Consellaría "non cumpre os obxectivos que levaron á convocatoria desta medida".
Asegura que é "insuficiente" a proposta de retirar a categoría de Facultativo Especialista en Atención Primaria a finais de 2029, "cando a lei de medidas de 2022 contemplaba que a duración da categoría sería de cinco anos". Sobre as condicións retributivas dos puntos de atención continuada (PAC), lembra que o Sergas "retira unha proposta feita en días previos de mellorar a retribución da xornada complementaria incentivada das 160 ás 140 horas". A CIG sostén que non pode aceptar que, "no contexto actual, non se fale dun verdadeiro plan de ordenación dos recursos humanos que permita crear unha mínima expectativa no desempeño profesional na atención primaria", entre outros aspectos.
Ana Belén Lestón, elixida na fin de semana secretaria nacional da CIG-Saúde (responsabilidade que desempeñou até a data Manuel González), afirma que "a saúde non é un negocio, é un dereito, e imos defendela con todas as nosas enerxías”, marcando como primeiro obxectivo neste camiño a defensa da Atención Primaria “como columna vertebral do sistema, con recursos, con persoal suficiente, con modelos que garantan equidade no territorio, sen recortes nin centralizacións que deixen o rural sen servizos".
O DOG publicou os servizos mínimos para este paro. Para o persoal facultativo estabelece unha cobertura de 100% da actividade urxente. No tramo ordinario de atención nos centros de saúde, prestarase a asistencia "urxente ou inaprazábel" da unidade ou servizo. Sobre este punto, fixa un efectivo en centros con catro ou menos médicos de familia; dous para aqueles de cinco a oito médicos; tres para os de nove a 12 médicos; e catro para centros con 13 ou máis médicos de familia.
Eliminar ecografías
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou esta terza feira que o Sergas quere facer un "cribado para eliminar solicitudes de ecografías pedidas polo persoal médico de Primaria".
A asociación critica unha medida "inxusta, irresponsábel e discriminatoria" e pregúntase se vai facer o mesmo en Atención Hospitalaria, onde hai 43.000 persoas en listas de agarda por unha ecografía.

