A lenta desescalada nas UCI galegas

Unidade de Coidados Intensivos (Claudio Furlan/EP).

Hai 187 pacientes en coidados intensivos, 18 menos que na xornada anterior, mais seguen a ser máis que no pico da primeira onda de coronavirus.

A presión hospitalaria segue en descenso en Galiza, que rexistra 27 ingresados menos con Covid-19, deles 18 corresponden a UCI, polo que baixan a 924 os hospitalizados en todo o país. Tamén volven reducirse os casos activos, que se sitúan en 11.742.

Así se constata nos datos actualizados pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta terza feira, nos que se indica que hai 187 persoas con coronavirus en UCI -18 menos- e 737 noutras unidades -nove menos-.

Os hospitalizados redúcense en cinco das sete áreas sanitarias, xa que na de Ourense, aínda que caen en un os que están en UCI até os 15, soben en dous os que se atopan noutras unidades e colócanse en 93. Tamén na de Lugo baixan a 25 o críticos -un menos-, pero soben en tres os doutras unidades até os 53.

Por contra, na área de Vigo os ingresados con Covid en UCI mantéñense en 24, pero baixan a 102 os que permanecen noutras unidades -sete meno-- e na de Pontevedra e O Salnés pasan a 15 -dous menos- e 81 -cinco menos-, respectivamente.

Tamén descenden os ingresados en UCI na área de Santiago e Barbanza a 26 -catro menos- e a 99 os doutras unidades -dous menos-, mentres que na de Ferrol pasan a 20 o críticos -tres menos- e a 106 os que se atopan noutras unidades -dous menos-. Polo seu lado, a área da Coruña e Cee foi a que rexistrou o maior descenso en UCI, con sete menos, até os 62; mentres que noutras unidades aumentaron en dúas a 203.

Os casos activos tamén seguen con tendencia descendente na Galiza e sitúanse en 11.742, o que supón 722 menos que a xornada anterior. Estes caen no sete áreas sanitarias galegas.

Os novos contaxios detectados con diferentes tipos de probas reducíronse a 357 -un menos que a xornada anterior-, deles 323 confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Dos últimos, 83 corresponden á área da Coruña e Cee; 61 á de Vigo; 46 á de Pontevedra e O Salnés; 44 á de Santiago e Barbanza; 35 a Lugo e outros 35 á de Ferrol; e 19 á de Ourense.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- descendeu a un 4,5%, polo que volveu a situarse por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia e do que Galicia logrou baixar por primeira vez a semana pasada desde o 24 de decembro.

Os falecidos por mor da Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 2.138 após notificar Sanidade esta terza feira a morte doutras 14 persoas.