Datos da última semana

Galiza sitúase á cabeza do Estado en hospitalizacións en UCI

Persoal sanitario atende na UCI un paciente de Covid-19 (Europa Press).

Galiza sitúase á cabeza dos territorios do Estado español con máis ingresos nas UCI na última semana. As cifras da Galiza supoñen unha cuarta parte das 439 persoas hospitalizadas en áreas de pacientes críticos en todo o Estado español.

Un total de 105 persoas con covid ingresaron en UCI na Galiza na última semana, o que supón unha cuarta parte das 439 persoas hospitalizadas en áreas de pacientes críticos en todo o Estado español.

Así se advirte dos datos publicados na terza feira, 9 de febreiro, polo Ministerio de Sanidade -con información actualizada do 8 de febreiro-. De feito, estes 105 ingresados en UCI galegas supoñen máis do dobre do seguinte territorio, Andalucía, con 50 pacientes.

Territorios máis poboados, como Madrid e Catalunya, só rexistran 15 e 11 ingresos, respectivamente. Á cola atópase Euskadi, con só tres.

Son 603 as persoas con coronavirus que necesitaron hospitalización na Galiza nos últimos sete días -os pacientes que precisaron UCI tamén computan aquí-. Esta cifra é a segunda maior entre autonomías, por detrás de Andalucía (1.183). O número global do Estado español é de 5.348.

En total, Galiza conta con 225 pacientes ingresados en UCI. Segundo datos da Consellaría de Sanidade, o seu grao de ocupación de camas é do 31,16%, por baixo da media estatal (42,28%).

Contra a porcentaxe ofrecida pola Xunta da Galiza a respecto da ocupación das áreas de críticos téñense pronunciado especialistas en análises clínicas como Luís Vázquez, quen ten advertido que as cifras son irreais. A ocupación de camas UCI é, segundo os datos comunicados na mañá da terza feira polo Sergas, de 90,51%. Advirte de que no seu cálculo inclúe "unicamente as camas UCI iniciais, non se contabilizan camas de reanimación, hospitais de campaña ou outro tipo que se habiliten como UCI".

Nunha reportaxe publicada en Nós Diario, expertos sanitarios expuñan que os cálculos da Xunta para informar da presión asistencial nas UCI non responden á realidade de postos dispoñíbeis.

O Goberno galego estima en máis de 750 camas a capacidade do sistema galego para dar resposta ás necesidades da Covid, mais a maioría non accesíbeis. É a forma que ten Sanidade de reducir o impacto real do coronavirus no sistema sanitario galego.