Marisol Mirás, asociación veciñal Agra

"A leira que pretenden edificar é a última oportunidade que nos queda para termos a única zona verde do barrio"

Marisol Mirás Mouro, secretaria da asociación veciñal Agra [Imaxe: Cedida]

Tan só unhas pequenas leiras fican sen edificar no barrio da Agra do Orzán da Coruña, unha zona onde viven 30.000 persoas e que se atopa afogada por altos edificios, estreitísimas rúas e cero zonas verdes, sen prazas nin servizos públicos. Desde a asociación veciñal Agra do Orzán reivindican que non se constrúa nestas derradeiras parcelas libres e se reserven para zonas verdes.

Nos anos 60, co chamado “desarrollismo”, comezouse a construír sen parón no barrio coruñés da Agra do Orzán. Actualmente esta zona atópase asolagada de altos edificios escasamente separados por estreitas rúas e carece de zonas verdes, prazas e lugares de socialización así como dos máis mínimos servizos públicos.

A Agra do Orzán congrega ademais 12% da poboación da cidade da Coruña, acollendo case 30.000 persoas, o que lle outorga unha densidade de poboación de 70.000 habitantes/km2 (a media da cidade está en 6.500 hab/km2).

Sermos Galiza conversa con Marisol Mirás Mouro, secretaria da asociación veciñal, sobre as reivindicacións que o colectivo está a realizar para lograr servizos públicos para o barrio e a edificabilidade cero nas últimas parcelas libres que quedan sen construír coa finalidade de que sexan reservadas para zonas verdes e prazas públicas.

Como evolucionou a Agra do Orzán?

É un barrio que xa naceu mal alá polos anos 50 e 60 durante o chamado “desarrollismo”. Os construtores tiveron permisos para erguer altos edificios, case todos sen ascensor, con trazados que non previron nin as infraestruturas máis básicas. Temos rúas moi estreitas e beirarrúas moitas veces inexistentes. Aquí non se fixo ningún tipo de equipamento: non hai escola, nin centro de saúde, nin prazas públicas.

Naceu mal o barrio e naceron mal moitos edificios, pois unha grande parte deles están construídos con area de praia

Naceu mal o barrio e naceron mal moitos edificios, pois unha grande parte deles están construídos con area de praia. Aquí hai medio areal das dunas de Barrañán e de Baldaio, e iso supuxo moitos problemas debido á mala calidade da construción.

En canto a equipamento e servizos non temos nada alén dunha igrexa. Cando se desenvolveron as zonas da contorna da Agra isto si se contemplou e, de feito, temos que ir ao barrio do Ventorrillo para acudir centro de saúde, ao colexio, ao instituto...

Reivindicamos equipamentos públicos de carácter social para o barrio, escolas infantís, centros de día, o arranxo do mercado de abastos, creación de zonas verdes e prazas públicas

Polo tanto o barrio non evolucionou desde que se ergueu nos anos 60 e para mostra só basta ver que as demandas da asociación veciñal Agra seguen as ser as mesmas que realizaba cando esta se estabeleceu legalmente no ano 1976.

Desde entón até hoxe seguimos a reivindicar equipamentos públicos de carácter social para o barrio, escolas infantís, centros de día, o arranxo do mercado de abastos, creación de zonas verdes e prazas públicas.

Poucas leiras fican sen construír na Agra. Temen que sexan edificadas?

Só quedan dúas parcelas libres. Unha pertence ao Estado e está sen construír porque nela desenvolve a súa actividade o Observatorio Meteorolóxico. Temos informacións de que este centro pode ser trasladado a outra zona, pois xa recortaron moitas das funcións de investigación que antes se realizaban nas súas dependencias.

Se isto sucede e esta parcela fica libre tememos que as empresas construtoras se lancen sobre ela, polo que reivindicamos que se designe de edificabilidade cero.

É a última oportunidade que nos queda para termos unha zona verde e unha praza pública no barrio

Na mesma zona hai outras parcelas privadas que forman unha zona denominada “o polígono 22”. É a última oportunidade que nos queda para termos unha zona verde e unha praza pública no barrio.

Desde a asociación veciñal animan a cidadanía a solicitar edificabilidade cero e zonas verdes nesas parcelas. Onde poden facelo?

O anterior goberno municipal da Marea Atlántica fixo unha proposta de informe sobre esa zona, o polígono 22, destinada á Consellaría de Medio Ambiente, xa que é o paso previo a poder facer unha modificación puntual do PXOM.

O concello fixo até catro propostas, mais en ningunha delas contemplou a edificabilidade cero, que é o que demandamos ao propio Concello, Xunta e Ministerio

O concello fixo até catro propostas, mais en ningunha delas contemplou a edificabilidade cero, que é o que demandamos ao propio Concello, Xunta e Ministerio.

O informe está pendurado na web da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e está exposto para recibir comentarios da cidadanía. Por iso animamos a veciñanza a facer a súa solicitude nese informe a prol de que non se constrúa nesas parcelas.

Desde a asociación veciñal xa apresentamos o noso comentario a esa proposta de modificación puntual do PXOM, pedindo que se esgoten as vías para a rebaixa da súa edificabilidade; tomando como principais argumentos a alta densidade de habitantes, a escaseza de espazos públicos de calidade e zonas verdes, e a mala configuración do seu espazo público; o que fai que apostemos en que esas parcelas se convertan no “Parque do Agra”, un espazo libre imprescindíbel para o barrio.