Adega propón 50 medidas para un modelo municipal sustentábel

Camiño nas Brañas do Sar, en Compostela. Foto: cedida.

Medio cento de medidas conforman o programa de Adega para uns concellos “ecoloxicamente sustentábeis”. “A relevancia e non digamos o cumprimento das propostas ambientais nos programas das distintas forzas políticas”, asegura a organización, “fican moitas veces en segundo plano ou mesmo esquecidas”. Contra esa circunstancia, as 50 medidas de Adega.

 

Moitas das medidas que aparecen nos programas, engade Adega, “de tan transversais acaban sendo tanxenciais e, xa que logo, irrelevantes”. Para evitalo, as 50 “pílulas ou accións concretas” propostas pola asociación ecoloxista buscan áreas “con repercusión ambiental na vida municipal”.

 

Adega estruturou as medidas en oito apartados: mudanza climática, enerxía e transporte; espazos naturais; auga; urbanismo; residuos; rural; participación cidadá, e fiscalidade verde.

 

No que respecta á mudanza climática, centra as súas preocupacións en “máis eficiencia enerxética, máis renovábeis, intermodalidade, humanización das cidades e promoción da mobilidade alternativa”. Sobre a auga, procura “aforro, reutilización, penalización do desbaldimento, depuración integral e remunicipalización dos servizos básicos de potabilización e depuración”.

 

Nos temas referentes a urbanismo, Adega esixe “protección efectiva da paisaxe e da costa e fomento da rehabilitación sobre a nova construción e a ocupación de terras agrarias, penalizando as vivendas baleiras”. No tratamento e xestión dos residuos, pretende que os consistorios incorporen “estratexias de 'residouo cero', o fomento da prevención e a redución a todos os níveis, estender a compostaxe, o porta a porta, e remunicipalizar servizos”.

 

Finalmente, no que afecta a espazos e especies, opta por “limitar a expansión do eucalipto, as especies invasoras e os transxénicos, Veto ás touradas e aos espectáculos con animais. Máis custodia e espazos naturais recuperados e protexidos”.

 

No documento anexo poden consultarse as 50 medidas de Adega.