Na Coruña

A Agra do Orzán, un dos barrios máis poboados da Galiza, pide espazos verdes

[Imaxe: Cadena Ser] A zona do Observatorio, na imaxe, é un dos poucos espazos verdes do barrio.

A Agra do Orzán, na Coruña, é un dos barrios con maior densidade de poboación da Galiza. Os seus case 30.000 habitantes (máis do 12% dos habitantes da cidade) conviven nun espazo cunha densidade poboacional de case 70.000 habitantes/km2 , mentres que a media da cidade da Coruña é de 6.500 hab/km2. A súa veciñanza reivindica espazos verdes.

O distrito coruñés da Agra do Orzán é un dos que posúe unha maior densidade poboacional na Galiza. A súa configuración urbana, cun crecemento acelerado e desordenado a partir dos setenta, impide que a veciñanza poida dispoñer de espazos libres. A Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra” leva anos reclamando zonas verdes e nas últimas semanas intensificou a reivindicación.

A falta de espazos polos que camiñar, sentar ou facer unha actividade lúdica leva as persoas que habitan neste barrio a sobrecargar a praza das Cunchiñas e a rúa Barcelona. A modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Coruña no ámbito “Parque da Agra” levou a entidade veciñal a promover a realización de comentarios co fin de “esgotar as vías para a rebaixa da edificabilidade”.

Na documentación presentada perante a Consellaría de Medio Ambiente, a asociación salienta a necesidade de que o Parque da Agra sexa parte “dun sistema de espazos libres de calidade no ámbito do barrio”. Diferentes colectivos levan anos reclamando “que non se edifiquen os terreos do Observatorio e o Campo da Burra e se transformen no Parque da Agra”.

A entidade veciñal é consciente de que o parque “non solucionará por completo a súa falla de espazos verdes, tanto por dimensión como por situación”. Porén, trátase do “último espazo libre e, por tanto, non só é unha oportunidade de paliar a falla de espazos verdes, senón de evitar agravar os problemas do barrio densificándoo inda máis”.

O período de consultas para que todas as persoas que o desexen poidan propoñer alegacións á modificación puntual do PXOM finalizará o 5 de agosto. A asociación veciñal anima a facelo para acabar coa “débeda histórica” do concello cun barrio que leva máis de dúas décadas pedindo zonas verdes.