Entra en vigor unha minguada Lei de Benestar "só para mascotas": estas son as medidas aprobadas e as que ficaron fóra

Manifestación contra as touradas en Pontevedra en 2022 (Foto: Nós Diario).
Esta sexta feira entrou en vigor unha Lei de Benestar Animal que avanza sobre todo no relativo aos animais domésticos mais non satisfai as altas expectativas xeradas nun primeiro intre, pois finalmente deixou fóra múltiples cuestións que os colectivos en defensa dos animais consideraban cruciais.

Nin coto ás touradas, nin maior protección para os cans de caza, nin restricións á propia cazaría con finalidade lúdico-deportiva. A nova Lei de Benestar Animal, que onte entrou en vigor en todo o Estado español, supón un notábel progreso en materia de animais domésticos respecto á normativa precedente; non así en moitos outros aspectos nos que se presupuña que debía incidir un texto que se cociñou a lume morno no Congreso durante dous anos. Desde o movemento ecoloxista e as organizacións en defensa dos dereitos dos animais, de feito, recoñecen estes avances mais lamentan que tornase finalmente nunha "lei para mascotas".

Unha das cuestións máis controvertidas foi a relativa á situación aos cans utilizados polos cazadores para a actividade cinexética, que no primeiro borrador non se diferenciaban dos demais pero que se excluíron pola aprobación dunha emenda presentada polo PSOE e apoiada por PP, Vox, PNV e Coalición Canaria e á que se opuxo, entre outras forzas, Unidas Podemos, a impulsora da lei da man do Ministerio de Dereitos Sociais de Ione Belarra. Tamén os cans pastores e gardiáns do gando, os de terapias asistidas e os empregados pola Policía, así como os empregados en actividades deportivas e as aves de cetrería, quedaron fóra da norma.

E outra emenda proposta por CC e amparada polo 'si' de socialistas e populares permitiu que instalacións como parques zoolóxicos e centros de investigación manteñan no seu emprazamento actual os cetáceos até o seu falecemento. E os propios zoolóxicos poderán seguir operando malia que nun primeiro intre se propuxera a súa reconversión en lugares de "cría autóctona en catividade".

A lei tampouco ataca a tauromaquia nin altera o réxime de cans de raza perigosa vixente. E, no que atinxe á exhibición de animais, queda prohibida nos circos e outros emprazamentos... tamén con excepcións, como é o caso das mulas e bois dos 'Beléns viventes' ou a cabra da Lexión, que seguirá ás ordes do Exército e desfilando cada 12 de outubro. E non se obrigará as persoas con mascotas, polo de agora, a rexistralas, faceren un curso formativo, disporen dun seguro de responsabilidade civil, tal e como dispuña a lei, pois todo isto carece do desenvolvemento normativo preciso, algo do que o Ministerio culpa a que "o Goberno está en funcións".

O que si se aplica

Si son de aplicación desde onte mesmo outras medidas como a prohibición de sacrificar animais abandonados, aplicar a eutanasia a un can —agás por "extrema necesidade" e baixo supervisión veterinaria—, comprar mascotas en tendas ou a través da internet, participar en pelexas de cans ou deixalo atado a un farol ou deixalo só sen vixilancia durante máis de 24 horas.

Aliás, poderase acceder con cans, gatos e furóns aos medios de transporte, espazos públicos, estabelecementos públicos e privados, aloxamentos hostaleiros, restaurantes e bares. Igualmente, terán acceso libre a edificios e dependencias públicas e aos albergues, refuxios, centros asistenciais destinados á atención de persoas en risco de exclusión social, persoas sen fogar ou vítimas de violencia de xénero.