Semana da Prensa na Escola

Unha lectura colectiva en papel para traballar coa comunicación e a linguaxe

Alumnado de 3º da ESO do Programa de Diversificación Curricular do IES Plurilingüe de Ames. (Foto: Nós Diario)
Até o 8 de marzo o ensino galego conmemora a Semana da Prensa na Escola, unha iniciativa que convida a encher as aulas de xornais e a reparar na capacidade dos medios de comunicación como ferramentas didácticas e de información. 'Nós Diario' fai parte desta proposta en centros de todo o país.

Como cada terza feira, o IES Plurilingüe de Ames, en Bertamiráns (comarca de Compostela), recibe hoxe unha entrega especial de Nós Diario: un lote extra de once xornais que o profesor de Lingua e Literatura Galega, Carlos Negro, reparte entre o alumnado do Programa de Diversificación Curricular (PDC) de 3º da ESO. Son dez alumnas e alumnos cos que cada semana comparte nove sesións de case unha hora e cos que traballa o ámbito lingüístico e social a través das materias de Lingua, Xeografía e Historia.

As terzas feiras xúntanse para ler Nós Diario. "Lemos con calma, resumimos as noticias e comentámolas", explica Yaiza Redondo en conversa con este xornal. Ao seu carón amplían o relato Marga Ferradás e Osvaldo Suárez. Segundo sinalan, escollen "noticias de política, culturais ou feministas", pero sobre todo das primeiras porque son "as que máis nos interesan". Noticias apegadas á realidade da Galiza que  as convidan a reflexionar sen présa. "Subliñamos as ideas máis importantes e reparamos no vocabulario que non coñecemos. Anotamos as palabras para buscalas no dicionario".

O alumnado, afeito a consumir pouca información e case sempre a través de dispositivos móbiles, accede cada terza feira a un xornal en papel integramente en galego, dous requisitos esenciais para Carlos Negro. "É un alumnado que só le titulares de noticias en dixital", sinala o profesor, polo que as máis das veces teñen un coñecemento da actualidade falto de contexto.

Desta forma, a través das páxinas de Nós Diario, "podemos tratar as noticias con máis tempo pondo o foco en cada información e cada información no seu contexto. E o máis importante, ven que o centro da información pode atinxir elementos que están máis perto do que habitualmente amosan outros xornais, cun enfoque máis do país".

Da pantalla ao papel

As sesións parten dunha análise básica do que é un xornal: das seccións en que se divide, do que é un titular ou da información que ofrece unha fotografía. "Traballamos en grupo coa idea de analizar a actualidade da Galiza, sobre todo. Eu podo levar a idea de traballar un asunto concreto, pero moitas veces cambiamos de plan sobre a marcha en función dos seus intereses ou do que lles chama a atención". Hai días en que  simplemente reparan no contido explícito das noticias e outros en que aproveitan para buscar información suplementaria sobre conceptos que recollen.

"Con motivo das eleccións galegas pasamos moitas clases explicando o que era a democracia, o Parlamento da Galiza, que partidos políticos estaban aí presentes, cal era a súa ideoloxía, por que votabamos, que implicaba votar ou non, o sufraxio universal... Son cousas que os adultos damos por sentadas e que a rapazada non sempre acaba de entender".

A través da prensa, o alumnado de PDC de 3º da ESO do IES de Ames aprende conceptos políticos, sociais, económicos e culturais pero tamén léxico. "Para nós é importante ter acceso a un xornal en galego", conclúen malia recoñecer a sorpresa inicial de velo íntegro nesta lingua. Segundo Carlos Negro, "perciben un xornal próximo á Galiza, que trata os problemas de aquí e iso interésalles". Porén, botan en falta máis noticias sobre música ou tecnoloxía que interpele directamente a xente moza. "E ás veces tamén se laian por non atopar contidos banais aos que teñen acceso a través da redes sociais. Mais iso sérvenos para reflexionar sobre as noticias gancho".

Carlos Negro refírese a un traballo "lento" pero moi "dinámico" a partir do día a día que ofrece a prensa, "coa que están pouco afeitas a traballar". É moi raro que un alumno ou alumna colla un xornal en papel por propia vontade, di. "Pero creo que aínda que pareza que imos cara atrás é importante recuperar a prensa en papel, porque permite crear un contexto reflexivo que non depende da velocidade do dedo para facer scroll na pantalla. A reflexión é tempo e o tempo é atención".

Non é un meme, é un traballo "arduo" alleo aos móbiles. "Aquí teñen que ler unha páxina enteira, comprender cada palabra, as relacións entre titular e fotografía e analizar a información connotativa que achegan un e outra". Ao principio están fóra de lugar, conclúe Negro, pero o camiño paga a pena.

Alumnado do Instituto San Mamede de Maceda visita a redacción de Nós Diario

A rapazada descubriu como se desenvolve a versión dixital de Nós Diario e mesmo asinou, na web, a noticia da súa propia visita á redacción nun exercicio colectivo de xornalismo. Profesionais deste medio acompañaron o alumnado do IES San Mamede nunha semana de encontro con máis escolares.