O alumnado de 1º da ESO do IES San Mamede visita a redacción de ‘Nós Diario’

Alumnos e alumnas do IES San Mamede na redacción de Nós Diario (Foto: Nós Diario).
Co motivo da Semana da Prensa, os mozos e as mozas aprenderon como funciona un xornal.

Con motivo da semana da prensa na escola, máis dunha vintena de alumnos e alumnas de 1º da ESO do IES San Mamede de Maceda (comarca de Allariz-Maceda), acompañadas de dúas profesoras da materia de Lingua Galega e Literatura, visitaron esta segunda feira a redacción de Nós Diario.

Ao chegar, os mozos e as mozas coñeceron a todo o persoal, o cal lles explicou a función de cada unha das persoas traballadoras. Desta maneira, foron conscientes da estrutura do xornal e das súas diferentes seccións (Galiza, Economía e Traballo, Opinión, Internacional, Deportes, Pasatempos , Cultura e Axenda).

Ademais, descubriron máis funcións que teñen importancia dentro do xornal como a da Maquetación (as persoas encargadas de estruturar o contido das páxinas a nivel gráfico) ou a Administración (as persoas encargadas de recibir as chamadas e recoller a información).

Para rematar, o alumnado do IES San Mamede tivo a oportunidade de redactar de forma colaborativa (entre todos os compañeiros e compañeiras) a noticia da súa propia visita. Así, unha compañeira foi escribindo a noticia mentres o resto expuxeron as súas ideas para escribir o contido.