O futuro do lecer nocturno: baile con máscara e distancia de seguridade

Reunión con representantes do lecer nocturno. (Foto: Conchi Paz / Xunta da Galiza)
Así o acordaron representantes da Xunta e do propio sector, que mantiveron unha reunión nesta quinta feira. As e os clientes tamén deberán fornecer os datos para contactar con eles en caso dalgún surto de coronavirus.

Os estabelecementos de hostalaría pertencentes ao sector do lecer nocturno terán permiso para abrir até as 3 da madrugada a partir do 1 de xullo. Ademais, o futuro inmediato destes negocios pasa por permitir á clientela que baile na pista "sempre que faga uso da máscara" para evitar a expansión da Covid-19.

Igualmente, quedará imposta a distancia de seguridade de 1,5 metros entre as distintas persoas.

Así veñen de acordalo representantes deste empresariado coa Xunta da Galiza, nunha reunión na que estiveron presentes o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Outra das decisións que se tomou é que tanto os pubs como as discotecas ou salas de concertos terán unha capacidade máxima do 50% no seu interior, mentres que nas terrazas poderán atender ao 100%.

Estas últimas restricións son similares ás do resto da hostalaría que estabeleceu o Comité Clínico para esta semana. Se ben os locais só poderán abrir con estas condicións naqueles municipios que se atopen en nivel medio-baixo de risco ou inferior. É dicir, Camariñas, Malpica, Cambre, Castroverde e Poio non poderán sumarse a esta reapertura polo momento.

Iso si, como é o comezo da desescalada volverán a repetirse imaxes de cando abriron os restaurantes pois as e os usuarios terán que fornecer os seus datos para facer máis sinxelo o rastrexo de casos se se produce algún contaxio.

Aliás, como o resto do sector, ás hostaleiras quedaralles a obriga de instalar aparellos para medir o CO2 nos locais.

Novo estudo após 15 días

Nunha rolda de prensa posterior ao encontro, Alfonso Rueda, explicou que ambas partes quedaron en xuntarse o 15 de xullo para analizar a evolución destes cambios e estudar a opción de ampliar o horario e o nivel de ocupación dos negocios. De feito, o punto de partida deste acordo foi a proba piloto realizada o 12 de xuño en locais de seis das sete grandes cidades.

Malia a inminente reactivación desta actividade, o representante do Executivo galego pediu responsabilidade á poboación porque "sen sentidiño non hai desescalada". "A Policía Autonómica vai facer e manteremos contactos neste sentido cos gobernos municipais e as forzas de seguridade para seguir traballando para que iso non suceda", avisou.

Porén, o sector está bastante contento co conseguido aínda que "sempre se pide máis".

Así o recoñeceu o voceiro da plataforma Galiza de Noite e xerente da sala Pelícano da Coruña, Luís Diz, que asumiu que hai que "ser consecuente" atendendo aos pequenos incrementos de contaxios do virus que se van rexistrando.

"Non queremos que nos volvan a criminalizar e a estigmatizar. Imos ir con sentido e ver dentro de 15 días se se vai controlando", reflexionou, destacando que o lecer nocturno vai ofertar un espazo máis seguro que o das celebracións particulares.

Tamén comentou: "O conselleiro acábanos de explicar que a cepa da variante Delta está moi implantada na cidade da Coruña e na comunidade e iso vai supoñer un aumento de contaxios". Por iso, pretenden avanzar da man das autoridades sanitarias.