Laxeiro, Gurriarán e a arte sobre a represión no 'Sermos Galiza'

Laxeiro (Imaxe: Cedida).

Máis un sábado acompaña Nós Diario un Sermos Galiza que non deixará ninguén indiferente. Viaxamos ao pasado para coñecer de perto a figura de Xosé Otero Abeledo, ‘Laxeiro’, un dos grandes artistas da Galiza, e a Florencio Delgado Gurriarán, peza imprescindíbel en proxectos culturais do exilio mexicano. Tamén visitamos as obras de Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto que veñen completar a visión da represión na Galiza no Museo de Pontevedra.

O próximo 21 de xullo fanse 25 anos do pasamento de Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, quizais o máis universal e popular dos artistas galegos do século XX. Laxeiro -que vén de ser escollido como a figura que homenaxeará o Día das Artes Galegas en 2022- foi quen de conciliar unha imaxe de paisano retranqueiro, xovial e comprometido, cunha obra que o situou sempre na vangarda da experimentación estética do seu tempo e que dotou á Galiza dunha plástica que reflectía, en cada momento histórico, a realidade sociocultural e o pensamento do país.

A el destinamos unha das reportaxes que verán a luz no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 17 de xullo.

Ademais, entrevistamos Ricardo Gurriarán, o biógrafo de Florencio Delgado Gurriarán, poeta de combate. Tradutor. Peza imprescindíbel en proxectos culturais do exilio mexicano como as revistas Saudade e Vieiros. Secretario de Propaganda do Partido Galeguista en Barcelona, ao tempo que, como tenente do Exército republicano, organizaba a evacuación de galegos da batalla do Ebro.

Colaborador de Galeuzca, do Consello da Galiza ou doutros proxectos que quedaron polo camiño, como a revitalización do Partido Galeguista na Transición. Son algúns dos méritos de Florencio Delgado Gurriarán, a quen se lle dedicará o Día das Letras de 2022.

Tamén visitamos o Museo de Pontevedra para coñecermos de primeira man as obras que acaba de instalar na súa exposición permanente dos artistas galegos Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto.

Veñen completar a visión da represión na Galiza que Castelao reproduciu de xeito gráfico nos seus recoñecidos albumes de guerra, expostos no museo desde 1981.

Da man do colectivo Xea, faremos unha camiñada até os cumes da serra do Xurés-Gerês, que se estende entre a Galiza e Portugal. Unha serra que destaca pola súas paisaxes graníticas de cumes espidos, irregulares e agrestes.

Tamén coñeceremos o último libro de Xulio Pardo de Neira, o de Liv Strömquist, a música de Xurxo Fernandes e as Cantigas de Santa María, mentres que no ámbito do cinema saberemos máis do filme Viúva negra (Black Widow), así como das novidades da carteleira.

Completan este número de Sermos Galiza Pepe Barro, que nos descobre as chaves do deseño de Estrella de Galicia, e Lázaro Armental, que escribe sobre arquitectura e equipamentos sociais. E, para que non te aburras, contamos cos pasatempos de Xoán Costas e Xerardo R. Roca.