Xustiza

Laureano Oubiña vs 'Fariña': o xuízo contra a produtora da serie será a vindeira semana

Laureano Oubiña posando coas súas memorias, 'Toda a verdade'. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Oubiña denuncia a vulneración do seu dereito á honra e a intimidade.

O Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa acollerá a vindeira terza feira, día 21, o xuízo de Laureano Oubiña contra a produtora da serie de televisión Fariña —baseada na novela homónima de Nacho Carretero— por vulneración do seu dereito á honra e a intimidade. Oubiña alega a introdución na serie dunha escena de sexo entre el mesmo —representado na ficción polo actor Carlos Blanco— e a súa segunda muller.

En abril de 2018 produciuse un acto de conciliación entre Laureano Oubiña e a produtora no que, con todo, non chegaron a acordo. Durante a negociación, os letrados da produtora opuxéronse a todas as exixencias que se pedían para frear a demanda. Mesmo chegarían a afirmar que a serie non estaba baseada en feitos reais, senón que era pura "ficción".

"Pasaron de dicir que o primeiro capítulo estaba baseado en feitos reais, o segundo inspirado neses feitos e agora en que é case unha novela de ficción", criticaron, no seu momento, os letrados que levan a defensa de Oubiña contra esta serie, na que se aborda a 'Operación Nécora' e a loita contra o narcotráfico na Galiza.

Por todo iso, seguiu adiante coa demanda por vulneración do seu dereito á honra e a intimidade pola cal transcendeu entón que solicitaba unha indemnización de millón e medio de euros.