Laura Veiga: “A menstruación segue a ser un ámbito no que non se investiga, quizás por ser algo de mulleres"

Laura Veiga é xornalista e divulgadora científica. (Foto: Nós Diario)
Pingando naceu do Traballo de Fin de Grao (TFG) da xornalista Laura Veiga para converterse nun proxecto moito máis amplo, no que divulga información sobre a menstruación ao tempo que entrevista a mulleres expertas en diversos temas. O seu proxecto, que recibe o nome dun dos alcumes que a tradición popular lle outorgou á menstruación (“pingadeira”), intenta dar a coñecer un tema que, por estar relacionado co xénero feminino, non sempre foi ben investigado. 
-En que consiste Pingando?

Pingando é un proxecto que ten diferentes ramas. Por unha parte están as redes sociais, máis dedicadas á divulgación de pequenas pílulas de educación menstrual. Por outra está o podcast, no que fago entrevistas a persoas expertas en diferentes temas. É un contido máis longo, xa que teñen unha duración que vai entre os 45 minutos e a hora e media. Tamén creei en Patreon un club de lectura hai uns meses. A menstruación paréceme un tema interesante do que case non se fala. A medida que investigaba e preguntaba á xente, deime conta de que en xeral non sabíamos nada sobre ela. Parecíame moi importante facer pública toda esa información. Ese é o obxectivo final de toda investigación e de toda ciencia. Que a información teña un sentido público e que todas as persoas teñan o seu acceso garantido.

-Como prepara contidos dos que fala?

O primeiro que fago é investigar sobre temas que me parecen interesantes. Ademais, tamén intento dar resposta ás dúbidas que me chegan das seguidoras. A investigación é a parte máis importante do traballo. Nos medios de comunicación e nas redes sociais, A perspectiva que se lle adoita dar á menstruación é moi místico e moi ligado coa medicina alternativa. O problema é que hai persoas que seguen eses consellos e poñen en perigo a súa saúde sen sabelo. Por iso hai que facer público todo ese coñecemento científico. A menstruación segue a ser un ámbito no que non se investiga demasiado, quizais porque se asocia co xénero feminino.

-Que acollida está a ter o proxecto?

Cando formulei Pingando agardaba que á xente lle gustase, mais non pensaba que houbese persoas ás que lle interesase tanto como para contarme anécdotas que eu considero  íntimas. Non esperaba que a xente fose ter tanta confianza comigo. Tampouco agardaba que xurdisen determinadas colaboracións. Tiven a sorte de, por exemplo, acudir a un faladoiro do Ciencia En Rede. Vexo que todas as persoas coas que falo para participar no podcast responden de xeito moi positivo.

-A que públicos chega Pingando?

Eu non lle presto moita atención, mais si que estiven comparando estatísticas con outros podcasteiros e quedei bastante sorprendida. En Instagram, mentres nas mulleres a idade das miñas seguidoras está comprendida entre os 15 anos até os 45 ou 50, os homes que me seguen teñen entre 20 e 35 anos. No podcast, aínda que a maioría de oíntes son mulleres, hai unha certa paridade, e tamén me escoita unha certa cantidade de persoas non binarias e de persoas que prefiren non especificar o seu xénero. Gústame que haxa esa diversidade.

-Que importancia ten que existan proxectos como Pingando? 

Antes de comezar con Pingando, o primeiro que pensei foi que non quería que me visen como o estereotipo dunha muller que fala sobre a menstruación porque é un tema de mulleres. 

Mais acabouse impoñendo a idea de que se as persoas que historicamente estivemos nas marxes non falabamos sobre os temas que nos afectan, como a menstruación, o discurso que vai quedar é o das persoas que están no centro e impoñen o seu discurso hexemónico sen estar validado por experiencias persoais. É importante dar voz ás persoas que falan desde o coñecemento e non pórlles obstáculos. 

Non pode ser que cando unha muller intenta dar un discurso que é igual que o dun home, sexa sempre a muller a que quede nun segundo plano. Depende da nosa vontade como colectivos discriminados, mais tamén de que se nos deixen eses espazos e non se nos poñan trabas.