Os incendios xa calcinaron máis de 8.000 hectáreas

A Xunta desactiva a alarma pola ameaza a núcleos habitados en Vilariño de Conso

Dous apicultores comproban o estado das colmeas tras un lume en Cualedro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Consellaría de Medio Rural fala de oito lumes que siguen activos, tres que conseguiron estabilizar as brigadas e outros dos que xa están controlados. O lume transfronteirizo entre Galiza e Castela e León xa queimou máis de 250 hectáreas no municipio da Mezquita.

A Consellaría do Medio Rural vén de dar o último parte de datos sobre os lumes que afectan a varias comarcas do interior galego. Polo momento, e á espera de que se poida facer un análise máis pormenorizado, os trece grandes incendios que se declararon entre esta fin de semana e onte xa arrasaron 8.000 hectáreas de monte.

Para as autoridades e para as e os traballadores que loitan contra a fronte, o fogo que máis preocupa agora é o de Vilariño de Conso. Xa afectou a 2.000 hectáreas mais despois dunhas horas de traballo esta mañá xa non pon en risco á veciñanza nin as casas. Por iso se desactivou a situación 2 de alarma, que só permanecía activa neste concello pola cercanía das lapas aos lugares de Soutogrande e Soutelo.

Neste punto en concreto están despregados 16 axentes, 29 brigadas, 13 motobombas, 14 helicópteros, 9 avións e maquinaria pesada sobre o terreo. Ademais, colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que se atopan esta campaña na Galiza.

Tamén leva arredor de 2.000 hectáreas afectadas o lume que continúa avanzando desde as 19.40 horas do sábado en Lobios, nunha área pertencente ao Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés. Tamén alí foi precisa a colaboración da UME.

Segundo a documentación facilitada hai escasos minutos por Medio Rural, tamén continúan sen control os lumes de Cualedro -que ameazou á veciñanza e fixo desaparecer 1.300 hectáreas de plantacións forestais-; Chandrexa de Queixa (500 hectáreas); Rairiz de Veiga (300), no que tamén se viviron momentos tensos pola proximidade das chamas ás vivendas; Vilardevós (300 hectáreas); Manzaneda (320 hectáreas en dous focos diferentes); Laza (60 hectáreas) e A Mezquita.

Precisamente deste último sabíase onte a última hora da tarde porque o lume partiu da comunidade de Castela e León. Alí afectou a un municipio que lindaba con A Mezquita. A estas alturas, a Xunta conta co dato dunha afección de, polo menos, 250 hectáreas en territorio galego.

Os incendios e os consecuentes labores de extinción provocaron o corte dun carril da A-52 en sentido Madrid. En concreto, segundo informan a Europa Press fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), o corte afecta ao tramo entre os puntos quilométricos 173 e 168, á altura do núcleo As Estibadas, en Cualedro.

Estabilizados e controlados

Desde o Executivo galego aseguran que, cando menos, foron estabilizadas as lapas que cercaban Vilar de Barrio (700 hectáreas), A Gudiñá (150 hectáreas) e Muíños (9 hectáreas). Malia que Medio Rural non acostuma informar dos lumes de menos de 20 hectáreas, o de Muíños declarouse na Serra do Xurés en dous focos distintos e case á vez, dando motivos para que se crea que houbo unha "intencionalidade".

A estar horas están controladas as frontes de Maceda (130 hectáreas) e Ribas do Sil (máis de 60 hectáreas). As autoridades piden á cidadanía que chame ao 085 (número gratuíto) para avisar dos lumes. Tamén se pode denunciar ás ou aos presuntos incendiarios no teléfono 900 815 085.

Xente que sabía onde prender o lume

O conselleiro do ramo, José González, estivo nas zonas afectadas, onde asegurou que os medios postos en Cualedro e Rairiz de Veiga "serán suficientes para afrontar esta situación". Porén, o máis destacábel foi a súa afirmación sobre a estratexia de actuación en casos de risco para a veciñanza.

"Temos que preservar os nosos montes, pero cando hai posíbel afectación das persoas, ese é o obxectivo fundamental que temos que defender", incidiu.

O representante do Goberno galego, convencido de que houbo unha man incendiaria en moitos dos lumes (sobre todo porque, ao seu xuízo, cos ventos foise a onde podían facer máis dano), acusou: "Quen nestas condicións climatolóxicas provoca lumes coa posibilidade de afectar ás persoas e aos bens, é un delincuente".