Julio Mourelle é enólogo da Finca Míllara

Julio Mourelle: "Os viños galegos deben ser fieis a si mesmos se queren un espazo internacional"

Julio Mourelle, á dereita, nun evento de Finca Míllara. (Foto: Nós Diario)
O viño galego é un dos produtos do país con máis renome internacional. Algunhas adegas, como a Finca Míllara, contan con profesionais recoñecidos do sector. É o caso de Julio Mourelle, quen se sumou á adega hai un par de meses. Mourelle é licenciado en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, e conta con 25 anos de experiencia como enólogo  en bodegas como Pagos de Marqués de Griñón ou Sterling Vinyards, con localización no Estado de California (EUA).  

-Despois de 17 meses de pandemia, é un bo momento para os viños galegos?

Penso que os viños galegos, en xeral, máis alá do feito puntual do coronavirus, están nunha boa situación agora, e teñen moito futuro por diante. O consumidor internacional demanda viños con frescura e personalidade a un prezo razoábel. E a Galiza conta con esas tres características. Precisamente eses son os principais puntos fortes do viño galego. É unha posición de partida moi interesante para conquistar os mercados internacionais e contrarrestar o punto feble do sector vinícola galego: a dimensión pequena das adegas galegas, que ten como consecuencia o alto custo de exportación e a dificultade de facerse notar entre outras zonas produtoras máis grandes. Paliar esa situación é un labor que se debe desenvolver pouco a pouco.

-Onde pensa que están mellor valorados os viños galegos, na Galiza ou noutros países?

O viño galego está moi ben valorado en xeral, tanto no país como fóra. No mercado internacional, un dos países no que comeza a integrarse dentro do mercado vinícola é Estados Unidos (EUA). Non é o único, mais sorprende o gran coñecemento do produto e do proceso de elaboración dos viños galegos que existe entre os consumidores estadounidenses. Aínda así, e polo aspecto que comentei anteriormente da dimensión das adegas galegas, penso que é na Galiza onde seguen a ter un maior recoñecemento, tanto pola proximidade como polo coñecemento de viños que hai no país.

-En que consiste o traballo dun enólogo dentro dunha adega?

Os enólogos encargámonos de tomar moitas e pequenas decisións durante todo o ano, que afectan ao ciclo da planta, ao período de colleita e ao proceso de elaboración do viño. Non son decisións drásticas que vaian cambiar por completo o resultado final do viño galego. Mais a suma desas pequenas decisións é o que acaba por darlle unha personalidade única ao viño. Esa parte humana dos traballadores á hora de aplicar uns criterios de traballo e un coidado ao trato da materia prima súmase á esencia que outorga a localización xeográfica das viñas. Penso que o lugar de orixe do viño é responsábel do 60% da calidade do mesmo.

-Que diferencia as adegas do país das adegas de España e doutros Estados?

Penso que a principal diferenza ten que ver máis co tamaño e coa dificultade da explotación das viñas que cos procesos de traballo que se empregan. Hai que entender que o cultivo de uva en territorio galego é case sempre complicado. A orografía galega esixe un esforzo maior ao que se precisa noutras zonas. Ademais, o minifundismo característico da Galiza, que se contrapón aos grandes terreos latifundistas doutros territorios, é outro factor que afecta ao tamaño das adegas. Todo o relacionado coa tecnoloxía, os coñecementos e o saber facer é practicamente universal, polo que, salvo pequenas diferenzas no traballo do persoal das adegas, non é un condicionante significativo. 

-O futuro do viño galego? 

A Galiza, como calquera territorio produtor de viños, debe ser fiel a si mesma. Os mercados buscan personalidade, non réplicas de viños noutras zonas. Sempre hai áreas que van producir os mesmos viños que aquí con menores custos. Pola propia dimensión das adegas da Galiza probabelmente non poida competir cos prezos doutras rexións. Pero debe seguir o mesmo camiño e elaborar viños con personalidade propia. E iso pasa por ser fiel a un mesmo. É evidente que hai procesos na elaboración do viño que existen desde hai séculos que se poden adaptar aos novos tempos, mais non se debe perder a esencia do viño galego.