Juan Zamora, doutor en Mariña Civil: "A catástrofe causouna unha decisión errónea da autoridade marítima española"

Doutor en Mariña Civil, xornalismo, historia e dereito, Juan Zamora (Barcelona, 1950) publicou varios libros sobre historia social e o mar e en 2004 a Plataforma Nunca Máis de Catalunya editoulle o denominado "Prestige: de l'accident a la catàstrofe". Desde a perspectiva dun mariñeiro critica a acción contra a tripulación do Prestige e apunta como causa da catástrofe á incompetencia das institucións.

 

Vostede escribiu no "Prestige: de l'accident a la catàstrofe" (Plataforma Nunca Máis de Catalunya, 2004), a importancia marítimo-comercial do petróleo no mundo e en Europa. Segue sendo así?

Si. Aínda o tráfico de hidrocarburos constitúe unha parte moi importante do comercio por vía marítima. É certo que aumentou o movemento de hidrocarburos a través de oleodutos, mais iso só restou unha parte irrelevante ao transporte por vía marítima.

Que papel xoga Galiza nos roteiros destes grandes barcos con produtos contaminantes? Cambiaron despois da catástrofe do Prestige?

A Fisterra galega segue sendo zona de recalada para os buques que se dirixen desde o norte de Europa, incluída Gran Bretaña, aos países africanos, cara ao Mediterráneo e cara a Asia e Australia a través do cabo de Boa Esperanza. Iso fai que polo Dispositivo de Separación de Tráfico de Fisterra pasen moitos miles de buques ao cabo do ano que transportan nos seus tanques ou adegas produtos perigosos e/ou contaminantes. O sinistro do Prestige non cambiou nada da economía do comercio marítimo, de modo que temos hoxe a mesma situación que tiñamos en 2002.

"Seguimos en mans dunha dirección xeral en cuxa cúpula os políticos correspondentes colocan persoas manifestamente incompetentes"

Que papel xogan os profesionais do mar nunha situación como a que se viviu no Prestige?

Os profesionais da mariña mercante xogan, loxicamente, un papel fundamental en calquera accidente marítimo. Salvo excepcións, a primeira vítima, e ás veces a única, dun sinistro marítimo son o capitán e a tripulación do buque accidentado. En moitos accidentes, a actitude e preparación profesional da tripulación resulta clave para que as consecuencias sexan moi graves, graves ou menos graves. Se no sinistro do Prestige se tivesen atendido as peticións do capitán para levar o buque a un lugar de refuxio, valorar os danos do casco e trasfegar a carga, nestes momentos estariamos a falar dun accidente menor, cun custo duns poucos millóns de dólares, que o seguro cubriría na súa totalidade, e non da catástrofe ecolóxica e económica que vivimos. Mais as autoridades non quixeron escoitar o capitán e obrigaron afastar o buque da costa, unha viaxe a ningunha parte, causando a desgracia que todos coñecemos.

En todos estes anos adiantouse algo en seguridade marítima para que non suceda nunca mais outra catástrofe como a do Prestige?

Nestes dez anos aumentamos de forma espectacular os medios de salvamento e loita contra a contaminación, e creamos un organismo de investigación de sinistros marítimos independente e profesional, mais seguimos en mans dunha dirección xeral en cuxa cúpula os políticos correspondentes colocan persoas manifestamente incompetentes. Até hai ben pouco, a dirección xeral da Mariña Mercante estivo ocupada por unha xuíza especializada en violencia de xénero. É probábel que de ter vivido outro accidente similar ao do Prestige, a xestión da catástrofe fose a mesma que entón.

Que resultará do xuízo que se está a celebrar na Coruña?

O proceso da Coruña constitúe unha trangallada. Xamais debeu chegar o accidente do Prestige a un xuízo penal, debeu quedar nun proceso civil onde se tramitasen os danos e prexuízos económicos causados pola contaminación accidental. Deter o capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, foi unha canallada. Procesalo de xeito penal foi aínda peor, foi un erro que nos custou un diñeiral, diñeiro tirado ao lixo. Nin o capitán nin a tripulación interviñeron para nada no accidente (a derruba dunha parte da estrutura do costado de estribor), nin desde logo ten responsabilidade ningunha na xestión do sinistro.

A catástrofe causouna unha decisión errónea da autoridade marítima española. Para condenar a Mangouras, o Estado español envileceuse e enlamou o goberno e a administración, incluída a de Xustiza, dunha forma vergonzosa. Por suposto, tampouco López Sors, director xeral da Mariña Mercante da época, merece un xuízo penal. Abondaría con analizar seriamente por que chegou a ese posto unha persoa manifestamente incompetente e realizar as reformas precisas para que iso non volva suceder. Así que o proceso da Coruña constitúe unha trangallada, innecesario e inútil por demais.