Entrevista

Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo: "O risco de tsunami tras un terremoto creceu coa entrada do mar na terra"

Juan Ramón Vidal Romaní, no Ézaro, Dumbría. (foto: Nós Diario)
Juan Ramón Vidal Romaní (Tarragona, 1946) é catedrático emérito de Xeoloxía da Universidade da Coruña e un dos grandes referentes á hora de explicar a xeoloxía da Galiza. Após a última xeira de rexistros sísmicos no territorio, Nós Diario conversa co investigador sobre as causas e previsións que rodean estes pequenos terremotos.

—Cada certo tempo comprobamos como a terra treme na Galiza. Son de esperar estes pequenos terremotos?
Aínda que á veces se di que os tremores son independentes, todo está ligado, e os sismos que tiveron lugar hai pouco na zona de Turquía, Irán e Siria están conectados cos que se veñen de rexistrar aquí. Isto débese a que a codia terrestre, a litosfera, non é unha unidade, senón que está fragmentada por fallas. Ademais, todo o que está por debaixo da litosfera móvese continuamente, malia ser sólido. O calor, máis importante no interior da Terra, decrece cara a superficie e provoca un movemento lento das rochas, que ao tocar a superficie producen a sacudida da codia. O contacto entre as fracturas que presenta a superficie terrestre xera os terremotos que se sentiron estes días.

—En Muros, Triacastela, Trasmiras, Soutomaior e Becerreá.
Recoñécense ben dúas zonas clásicas, unha en Becerreá e Triacastela e outra na costa. Se observamos o mapa de fallas da Galiza vemos que está todo percorrido de fracturas con distintas orientacións. Non se ven, pero están aí, e permiten identificar as zonas onde hai máis probabilidades de que se produzan terremotos.

—Quere dicir estes terremotos que se veñen de rexistrar responden ben ás características sísmicas da Galiza.
Todos coinciden con zonas de fractura coñecidas. Non é nada novo. A Galiza é un mosaico, está esnaquizada. Unhas veces móvese nun sitio e outras veces noutro, pero sempre sabemos onde se van producir os sismos. Non hai ningún epicentro que non se teña repetido algunha vez. Outra cousa é a vibración que ocasionan, que adoita sentirse nos arredores.

—É de esperar un gran terremoto no noso territorio?
Sempre é de esperar un gran terremoto. A xeoloxía non é unha ciencia perfecta. Nós podemos saber onde se vai producir con certa probabilidade, pero non o momento no que vai ter lugar. Se botamos man dos datos e rexistros históricos a máxima intensidade anotada na contorna de Triacastela e Becerreá é de 5,6. Cabe esperar que esa marca estea perto do límite máximo alcanzábel, mais non temos a seguridade. En todo caso, non parece probábel atinxir fenómenos sísmicos tan potentes como os de Siria e Turquía e Siria.

—Onde é máis probábel que se sitúe o epicentro, de se dar ese gran sismo? Apuntaba dous entre os clásicos, un na costa e outro nas montañas do interior.
Sería mais probábel no interior da Galiza, nesa zona que asociamos a grandes elevacións entre Becerreá, Sarria e Triacastela. Na ría de Muros localízase outra fractura enorme, que comeza en Portugal, máis abaixo de Aveiro, e ten uns 500 km de longo. É a que define a costa atlántica. De vez en cando reméxese e orixina sismos que teñen o seu epicentro quer na zona continental quer na plataforma continental. Este último situouse no medio da ría de Muros e Noia. Nesta zona o que se poden producir son fenómenos asociados aos sismos. Pode acontecer que unha masa moi grande de rochas escorregue como resultado de tremores repetidos. No Barbanza, mais tamén no Ortegal.

E pode ser que un terremoto con epicentro baixo as augas do mar desencadee un pequeno tsunami. É un risco que se vén acrecentando nos últimos 3.000 anos coa entrada do mar na terra, cando se formaron as rías. 

—E a actividade humana, incide no risco de sismos?
Hai un exemplo claro, os encoros, resultado da colonización hidroeléctrica da Galiza. Se os enchemos a rebentar sobre unha zona de fractura e os baleiramos de forma rápida brusca, a terra treme. E o seu sistema de sismógrafos dan conta dos sismos asociados a esa descarga.

A terra volveu tremer na Galiza

Entre o sábado e a segunda feira rexistráronse na Galiza varios sismos de pequena magnitude con epicentro en Muros, Triacastela, Trasmiras, Soutomaior e Becerreá. O Instituto Xeográfico Nacional notificou un tremor na costa de Muros (Barbanza) ás 21.15 horas da pasada segunda feira, cunha intensidade de 2,6 na escala de Richter a unha profundidade de tres km. Unhas horas antes, contra as 13.53 horas desa mesma xornada, tivo lugar outro pequeno sismo na localidade de Triacastela, de magnitude de 2,4.

Ás 23.28 horas do domingo a terra moveuse en Trasmiras (A Limia). A magnitude rexistrada foi de 1,9. Ese día tamén tremeu Soutomaior, na comarca de Vigo. O sismo marcou unha intensidade de 1,7 a 12 km de profundidade. O primeiro sismo, de magnitude 2, produciuse ás 22.01 do sábado en Becerreá (Os Ancares).