Nieto Roig: "Cando se alcance o pico de persoas infectadas o escenario será duro"

O catedrático de Análise Matemática Juan José Nieto Roig (Imaxe: Real Academia Galega de Ciencias)
O catedrático de Análise Matemática, Juan José Nieto Roig, lidera un equipo galego-luso que deseñou un modelo que aplicado aos datos dispoñíbeis sobre o coronavirus prevé o pico de contaxios na primeira semana de abril. Un horizonte que pode variar segundo se coñece máis información sobre a nova cepa. 

Como se empregan as matemáticas para previr o comportamento dunha infección por virus?
Hai moitos métodos e metodoloxías para tratar un caso deste tipo, o clásico e o estatístico partindo dos datos que temos e facendo unha previsión do que pode acontecer. No noso caso a metodoloxía é relativamente novidosa e diferente, pois dividimos a poboación en varios subtipos: a que está sa, a exposta á enfermidade por coronavirus, a infectada e a que se recupera da infección. É un sistema dinámico que emprega ecuacións diferenciais e os datos dispoñíbeis para deseñar o modelo. Aplicámolo cando comezou a epidemia en China e adaptámolo ao caso do Estado español e a Galiza obtendo unha previsión do que acontecerá no futuro.

Un estudo determinou que no caso chinés unha parte importante dos contaxios producíronse a través de persoas asintomáticas. Semella complexo determinar quen conforma a poboación sa cando as probas se realizan a persoas que presentan síntomas, caso do Estado español. Como pode afectar isto ao modelo e as previsións? 
Cada epidemia ou enfermidade presenta unhas características e nós adaptamos a metodoloxía ao caso concreto. Nós estudamos no seu tempo a epidemia do ébola, a do zika e outros virus como o da gripe A. Neste caso, a parte das poboacións antes mencionadas tivemos que engadir outras como por exemplo a hospitalizada. Hai moita xente, como ben dis, que pode estar asintomática e aínda así infectar a outras. Tamén existe a figura de quen infecta dunha forma moi esaxerada, os chamados superpropagadores, xente que infecta a un número de persoas superior ao da media. En China comprobamos que o modelo se axustaba á evolución dos acontecementos. Adaptándoo ao Estado español calculamos que o pico da enfermidade terá lugar dentro de entre 20 e 35 días, a partir do primeiro contaxio, aproximadamente na primeira semana de abril.

O número de falecidas vai ser bastante importante, arredor de 3% da poboación contaxiada, mentres 5% terá que ser ingresada na UCI

Con este modelo pódese anticipar tamén a taxa de mortalidade? 
O número de falecidas vai ser bastante importante, arredor de 3% da poboación contaxiada, mentres 5% terá que ser ingresada na UCI. Polo momento, as estimacións semellan concordar cos datos dos que dispoñemos  na Galiza e noutros países. 

Estamos a falar dunha nova cepa de coronavirus. Desde o primeiro brote, a Organización Mundial da Saúde ofreceu nova información das súas características a partir das recentes investigacións. Indicou, por exemplo, que unha vez curada unha persoa pode seguir contaxiando a enfermidade. Engaden estas variacións ao modelo?
No caso do coronavirus non está claro que pode acontecer cando unha persoa se cura. Onte tívose constancia dunha persoa que se recuperara e que de novo padecía a enfermidade, abrindo un novo escenario que teremos que ter en conta desde o punto de vista das autoridades sanitarias e do modelo matemático.

A corentena aplicouse recentemente, cando tempo pode decorrer até que os seus efectos se podan percibir?
O efecto non será inmediato, senón que chegará con retraso. As medidas que se están a tomar de ficar nos fogares, illadas, van ter un efecto beneficioso que pode retrasar ou paliar en certa medida a epidemia. Con todo, cando se alcance o pico de persoas infectadas o escenario será duro. Esa é a miña opinión, que penso que coincide coa doutras expertas. 

No caso do coronavirus non está claro que pode acontecer cando unha persoa se cura

Sitúan o pico en abril, e a corentena influirá no decorrer da epidemia. Analizaron até cando se percibirán os seus efectos?
A partir do pico o número de infectadas decrecerá, aínda que tamén é certo que unha persoa infectada non se cura de maneira instantánea. Non teño moi claro cantos días poderán transcorrer até a curación, mais para as persoas ingresadas poden decorrer bastantes días. O problema sanitario que se creará, e para o que penso que se están a tomar as medidas necesarias, será bastante grave.

Pregúntolle porque o xefe do programa de modelos matemáticos do Imperial College, Neil Ferguson, afirmou en declaracións á BBC que durante aproximadamente ano e medio “poderíamos estar vivindo nun mundo moi diferente ao que coñecemos”.
Neste caso, estamos a falar de conxecturas, pois a evolución do coronavirus é moi difícil de previr. Se efectivamente as persoas infectadas poden volver a contraer a enfermidade atoparémonos ante unha casuística moi distinta á actual.