"O material é xusto, e isto só é o principio do principio da pandemia"

Unha profesional sanitaria, equipada co equipo de prevención completo. (Europa Press)
Os equipos profesionais sanitarios galegos enfróntanse ao aumento do coronavirus cunha escaseza de material de prevención que é, conciden, xeralizada ante a rápida propagación global da pandemia. Así, chaman á poboación ao confinamento para poder controlar os contaxio cos recursos existentes.

A adaptación dos servizos sanitarios galegos á situación nos que os coloca o coronavirus leva ao persoal a dar o mellor de si para frear a propagación da pandemia e prestar atención, tanto ás persoas infectadas como ao resto de doentes. Esa adaptación require reorganización do sistema de traballo e, tamén, "racionamento" do material, no que ten a ver co virus.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, remitía esta semana unha carta ao presidente do Goberno central para reclamar de forma urxente equipamentos de prevención para que os equipos sanitarios puidesen "seguir desempeñando con rigor "os traballos e as diagnoses. 

"Estamos moi xustos e só estamos empezando", sinala Ramón Veras, médico do centro de saúde de San Xosé, na Coruña, e portavoz de plataforma SOS Sanidade Pública. Consciente de que a escaseza de máscaras sanitarias, líquido esterilizante ou batas "non é, desta vez, cuestión de recortes ou de non querer compralo, senón de que non hai produción", o facultativo apela ao "aproveitamento" e urxe "tentar por todos os medios aumentar o material". "Preocúpanos, porque aquí, na Galiza, estamos ao principio do principio da pandemia e é moi necesario para traballar. Sen el máis persoal sanitario vai acabar en illamento", advirte.

No centro hospitalario de Montecelo, en Pontevedra, os limitados recursos de protección levan a que os mesmos equipos vexan á totalidade de pacientes respiratorios, por falta de máis traxes completos. "Hai que arreglarse co que hai. Sabemos que hai desabastecemento a nivel global e temos que reutilizar da mellor forma posíbel o que temos para non poñernos excesivamente en risco", coincide Catuxa Lagarón, profesional, a día de hoxe, no centro e membro de Enfermeiras Eventuais en Loita.

Ademais de facer un chamado á poboación para que "por favor, quede na casa e axude a ter a epidemia baixo control cos recursos que temos", a enfermeira chama tamén a unha organización "responsábel" na contratación do persoal. "Estamos nunha crise e non dispoñemos de máis recursos; administrémolos de forma eficiente", pide, nunha crítica á mobilidade de profesionais temporais entre servizos de atención primaria e doutros de maior exposición ao coronavirus. "Nesta situación, non podemos atarnos á lista de contratación por estrita orde de número, hai que organizar en función do risco para evitar que o persoal sexa vehículo de transmisión", demanda, lembrando que a xente que acude aos PAC é, a miúdo, "a máis vulnerábel".

Xosé María Dios é médico na Unidade de Atención Primaria de Outes, onde o material sanitario é suficiente "polo de agora". "Temos que estar na primeira liña, porque segue habendo amigdalites, accidentes e problemas doutros tipos, ademais de coronavirus, e hai que seguir atendendo", razoa, malia apuntar que centros como o seu están "vendidos" se chegan casos sen diagnosticar. Tamén el chama ao confinamento da cidadanía e cre unha "irresponsabilidade" non ter pechado Madrid. "Tiñamos un problema grave de sete millóns de persoas e agora temos un máis grave de 57 millóns, contando Portugal", censura. 

Persoal MIR de último ano demanda o recoñecemento como especialista

Médicos e médicas internas residentes (MIR) reclaman ao Ministerio de Sanidade que as profesionais que finalizan a súa formación en maio deste ano sexan recoñecidas como especialistas, dado o "gran esforzo" que realizan para contribuír a proporcionar unha atención sanitaria de calidade na pandemia do coronavirus.

Así o expresan desde o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Medicina en relación ás declaracións do ministerio sobre a prórroga da contratación como residentes de último ano en diversas especialidades para facer fronte á falta de persoal na asistencia sanitaria nos hospitais do territorio estatal.  O colectivo profesional lamenta que se propoña prolongar a formación de residentes de último ano, e manter así as súas condicións salariais e profesionais, "precarizándoos, de facto", mentres se expón a contratación en calidade de adxuntas/especialistas de médicos sen formación MIR.