O Sergas fai a proba da COVID-19 a pacientes desde o seu coche en varias cidades

Hospital do Meixoeiro en Vigo
Como medida para axilizar a realización das probas para determinar o contaxio por coronavirus, o Sergas habilita este innovador sistema nas instalacións do antigo servizo de urxencias do Hospital Meixoeiro de Vigo para pacientes con cita. Quer ampliar este modelo ao resto de áreas sanitarias de Galiza

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) implantou a realización de probas de coronavirus a posíbeis infectadas desde os seus vehículos en Vigo, un método cuxos resultados se avaliarán para analizar se é posíbel estender a súa prestación a outras áreas sanitarias.

Fontes do Sergas confirmaron a Europa Press que esta iniciativa, innovadora no Estado, lévase a cabo nun punto de fácil acceso para os vehículos situado xunto ao laboratorio do Hospital Meixoeiro da cidade olívica, onde antes estaba o servizo de urxencias, o que facilita o traslado das probas.

En concreto, estes tests realízanse, mediante cita previa, se os facultativos consideran un caso sospeitoso de coronavirus e os resultados rexístranse nos historiais médicos dos pacientes.

Deste xeito, a pasada terza feira, cando se implantou o servizo, leváronse a cabo 45 probas a posíbeis infectadas nos seus vehículos, unha cifra que esta cuarta feira ascenderá a 100, o número máximo para o que se dispón de capacidade operativa. Así, concedéronse citas previas cunha marxe de cinco minutos entre elas co obxectivo de axilizar a prestación do servizo.

Esta iniciativa tamén busca dar resposta á "saturación" do servizo de probas a domicilio polo aumento de casos, que provocou que o número de equipos que as levan a cabo pasase dun a sete, segundo precisaron as mesmas fontes. 

Ademais, esta medida permite reducir o consumo de equipos de protección individual nun momento no que "escasean". Así, as profesionais sanitarias poden utilizar un mesmo uniforme durante toda a súa xornada, mentres que nas probas realizadas a domicilio débense refugar despois de cada servizo.

A realización de tests a cidadáns desde os seus vehículos para determinar posibles casos de coronavirus tamén se leva a cabo noutros países, como Corea do Sur, Alemaña, Estados Unidos e Australia.