Juan Gestal, autor de 'Pandemias' e profesor emérito da USC

Juan Gestal: "É necesario prepararse para a próxima pandemia"

Juan Gestal é experto en Medicina Preventiva e Saúde Pública (Foto: Nós Diario).
Juan Jesús Gestal Otero (Muros, 1947) vén de presentar a versión galega de 'Pandemias, as epidemias que asolaron a humanidade', un libro que fai memoria doutras doenzas letais e do seu impacto na sanidade moderna. Ningunha como a da Covid, di, alentou a ciencia e alertou dos déficits do sistema.

—Que teñen en común todas as pandemias que asolaron a humanidade e recolle no seu libro?

Todas foron capaces de xerar importantes crises e de mostrar as nosas debilidades, pero a humanidade foi sempre quen de saír adiante cos coñecementos e medios de cada época. Iso si, pagando uns tributos moi importantes en sufrimento e mortes. 

—E que hai de singular na pandemia da Covid-19?

A maior singularidade desta pandemia é que nos afecta a nós, e iso fai que pareza a máis importante de todas as que se produciron, pero non é así. Ten moitas similitudes coa pandemia de gripe española de 1918, e a pesar de contar hoxe cunha medicina e ciencia tan desenvolvidas, o SARS-CoV-2 puxo o mundo patas arriba, obrigándonos a adoptar numerosísimas restricións. O que diferencia esta doutras pandemias respiratorias é a rapidez con que se desenvolveron vacinas, que son as que nos están permitindo saír da pandemia e facer, por momentos, unha vida case normal.

—Está perto a fin do SARS-CoV-2 tal como o coñecemos?

Ao longo destes dous anos o SARS-CoV-2 enganounos en varias ocasións, facéndonos crer que xa remataba a pandemia. No momento actual, unha serie de feitos parecen indicar que é moi probábel que cando finalice esta sexta vaga, dentro dunhas poucas semanas, remate tamén a pandemia. É o máis probábel, pero non é imposíbel que poida aparecer unha nova variante con máis transmisibilidade e escape inmune que Ómicron.

—No libro fai un percorrido por máis dunha ducia de doenzas. Cal ofrece o relato máis apaixonante?

Hai moitos, pero destacaría, polo importante papel de España e da Galiza, a Real Expedición Filantrópica da Vacina, a primeira campaña mundial de vacinación, que debera ser de estudo obrigatorio nas escolas. Unha proeza na que participaron 22 nenos expósitos de Madrid, A Coruña e Santiago ao coidado de Isabel Zendal, considerada en 1950 pola OMS a "primeira enfermeira da historia en misión humanitaria internacional".

—Cal foi a máis letal?

Sen dúbida, a varíola, que afectou 90% dos menores de 5 anos. Un terzo morría e un terzo dos superviventes quedaba cego, perdía os dentes e sufría moitas cicatrices. Conseguiu erradicarse en 1977. Outra doenza letal, que afectou a humanidade desde o ano 541 até 1960, foi a peste, con tres grandes pandemias que se estenderon durante séculos con gromos epidémicos cada sete ou 12 anos. A primeira onda da segunda pandemia, coñecida como a 'peste negra', (1348-1353) ocasionou en Europa entre 17 e 28 millóns de mortes.

—Que enfermidade sentou as bases da epidemioloxía actual?

O cólera é o gran mestre da sanidade. Ao longo do século XIX provocou cinco pandemias que asolaron Europa. Para lles facer fronte convocáronse as primeiras Conferencias Sanitarias Internacionais. Na terceira, os estudos de John Snow sentaron as bases da epidemioloxía moderna e William Farr puxo en marcha as estatísticas sanitarias na cuarta. Tamén se aprobaron as primeiras leis de sanidade moderna. Na quinta pandemia, Jaime Ferrán elaborou unha vacina atenuada que non tivo éxito mais foi recoñecida como a primeira moderna. En Hamburgo comezaron a utilizarse os filtros de area para a auga de beber.

—En que outro momento da historia a ciencia e a medicina foron chave para frear unha epidemia?

Destacarei dúas: a poliomielite e a sida. Os importantes avances da medicina permitiron avanzar rápido no seu control, mais nunca coa rapidez lograda nesta pandemia. Con todo, hai que prepararse para a próxima e solucionar todas as deficiencias do sistema de saúde.

Tres indicios dun final inminente

"Os virus evolucionan até lograr a máxima eficacia biolóxica", afirma Gestal, contaxiar o maior número de persoas. "Ao longo da pandemia vimos como cada nova variante era máis transmisíbel, cun período de incubación menor e maior escape inmune". Ómicron converteuse "no virus máis transmisíbel da historia, máis que o do sarampelo". É responsábel de máis da metade dos 10,7 millóns de casos declarados durante toda a pandemia, de numerosas reinfeccións e infeccións en persoas vacinadas. "Xerou unha inmunidade sólida que, xunto, á das vacinas, pode ofrecer unha protección que dificulte a difusión de novas variantes.

A duración é outro indicio, engade. "Todas as pandemias respiratorias dos últimos 130 años duraron entre dous e tres anos". E aínda máis, comezan a circular outros virus respiratorios. "Os virus pandémicos respiratorios non deixan que outros virus se transmitan", conclúe.