Juan Gestal: "Fronte aos aerosois, as máscaras cirúrxicas non garanten protección total"

Juan Gestal no I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde (Vía Láctea Comunicación).
A circulación do novo coronavirus aumentou antes da chegada do outono, unha época na que  aumenta a incidencia das patoloxías respiratorias. Nós Diario conversa con Juan Gestal, profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela sobre as medidas de prevención máis eficaces.

—Que balance fai desta segunda vaga da pandemia de Covid-19 na Galiza?
A segunda onda de contaxios  subiu moito, polo que xa debe estar chegando ao seu cumio. Dous de cada tres infectados son asintomáticos o que fai que esta xeira sexa menos grave. A situación da Galiza é menos grave que a doutros territorios. A incidencia acumulada nos últimos 14 días é menor, pero como a poboación galega está máis avellentada, e estamos vendo como comeza a afectar de novo a persoas maiores e residentes.

—Hai transmisión comunitaria?
Si. Do 78,8% dos casos que se producen na Galiza non se coñece a fonte de infección, o que pon de manifesto a necesidade de incrementar os rastrexos.

—Que cabe esperar a partir de agora en termos de contaxios e mortalidade?
O primeiro desafío é a apertura dos centros escolares e estamos vendo un incremento nas infeccións nos menores de 15 anos. Nunha semana ou dúas veremos o que ocorre tras a apertura da Secundaria, o Bacharelato e as Universidades. Neste sentido, non debemos perder de vista nin as relacións nin a afectación das persoas maiores, que conforman boa parte da poboación, o que pode incrementar as complicacións e a mortalidade.

—Chégase tarde, outra vez?
Creo que si, mais parece que é xeral en todos os países. Houbo tempo para organizar o rastrexo dos casos e non está funcionando ben. Esta é unha enfermidade silenciosa, como un iceberg, de aí a importancia de detectar o maior número de asintomáticos para cortar as cadeas de transmisión. A Organización Mundial da Saúde di que facendo un esforzo importante de busca, cando o número de asintomáticos diminúe por baixo de 5%, a enfermidade está camiño de ser controlada. Aínda estamos moi lonxe.

—Co outono, a circulación do coronavirus vai coincidir coa doutros virus e bacterias que cada ano causan problemas respiratorios. Podémonos preparar para reducir o risco de contaxio? 
As medidas de prevención non farmacolóxicas son as mesmas. Non sabemos que vai pasar coa gripe. Se ocorre o mesmo que no hemisferio sur, onde non circulou, será unha boa nova. Na pandemia de gripe de 2009, durante a onda de outono, só circulou o virus pandémico. Cando a vaga minguou, circulou o virus sincitial respiratorio que acostuma a preceder o da gripe. Isto non quer dicir que non poida circular aquí, posibelmente despois de que baixe a onda da gripe, por iso todos debemos vacinarnos fronte a gripe.

Houbo tempo para organizar o rastrexo dos casos e non está funcionando ben.

—Que uso debemos facer dos espazos fechados?
Debemos evitar os espazos fechados, sobre todo en presenza doutras persoas, pasar neles o menor tempo posíbel e evitar aqueles nos que a ocupación sexa elevada. O teletraballo debe ser a primeira opción sempre que se poida elixir. Hoxe sabemos que o SARS-CoV-2 se transmite non só por gotas senón tamén por aerosois. Para a prevención é moi importante a ventilación dos locais. Non é suficiente coa máscara e coa distancia de seguridade, é preciso ventilar ben os locais, abrigándonos se é necesario para non pasar frío. 

—Todas as máscaras son boas?
O uso de máscaras por toda a poboación é fundamental, pois dificulta que o virus circule e protexe a comunidade cun "efecto rabaño" como o que procuran as vacinas. Hai uns día publicouse no British Medical Journal unha interesante hipótese que fala de que o enmascaramento colectivo dificulta que o virus chegue en gran cantidade ás persoas, pero si permite que poda facelo cunha carga viral baixa o que faría que esas persoas sufrisen unha infección asintomática producindo nelas unha  inmunización similar á variolización que se empregou en Europa no século XVIII fronte a varíola. Fronte aos aerosois, as máscaras cirúrxicas non garanten protección total, as que protexen son os filtros de partículas FFP2 e FFP3.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Nós Diario, á venda nos quiosques, ou ben para a súa lectura na nube nesta ligazón. Se aínda non es subscritora ou subscritor, subscríbete]