VÍDEO | Josep Borrell sobre o fútbol feminino: "Están aprendendo a xogar tan ben como os homes"

O xefe da Diplomacia da UE, Josep Borrell. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
O alto representante da Unión Europea para Asuntos exteriores, Josep Borrell foi o protagonista dunha declaracións polémicas nas últimas horas co gallo do mundial de fútbol feminino.

O alto representante da Unión Europea (UE) para Asuntos exteriores, Josep Borrell, foi o protagonista dunhas declaracións polémicas nas últimas horas co gallo do mundial de fútbol feminino.

Aconteceu durante unha entrevista na TVE, cando, ao ser preguntado sobre o mundial de fútbol que viu como a galega Tere Abelleira se proclamaba campioa do mundo, Borrell dixo que as mulleres “están aprendendo a xogar tan ben como os homes”.

“Isto é moi boa noticia”, acrecentaba o alto representante da UE, algo que levantou grandes críticas, principalmente nas redes sociais.

Posteriormente, o xefe da diplomacia europea publicou unha mensaxe en X, antiga Twitter, coa que quixo matizar a súa declaración inicial.

Nela, defendeu que "a vitoria das xogadoras da selección española no Mundial de fútbol demostra que este é o tempo das mulleres".

Presión a Rubiales

Controvertidas declaracións que chegan no medio da tamén polémica xerada polo presidente da Federación española de Fútbol, Luis Rubiales, que deu un bico forzado á xogadora Jenni Hermoso durante a cerimonia de entrega de medallas.

Até o de agora e a pesar das duras críticas que está a recibir o presidente da federación, só un club se pronunciou para pedir a súa dimisión, o Xetafe.