Xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín

Javier Castrillo: "Se hai un superior que me quere afundir, non teño practicamente ningunha defensa"

A Consellaría de Sanidade vén de abrir un expediente a Javier Castrillo, responsábel do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín (Foto: Óscar Pinal)
Un ano despois de que a Xunta da Galiza, a través do Servizo Galego de Saúde, anunciase o feche do paritorio de Verín e mobilización social lograse a súa reapertura tras dous meses de clausura, Sanidade incoa un expediente disciplinario ao xefe de Xinecoloxía do hospital comarcal, defensor dun servizo de proximidade.

Con que ánimo acolleu o expediente disciplinario que vén de comunicarlle a Consellaría de Sanidade?
A primeira impresión e a primeira sensación foi de temor. De moita preocupación. Agora mesmo, o desasosego persiste, pero de forma máis liviá grazas ao apoio que me transmite todo o mundo. 

Mais segue preocupado.
Malia estar convencido de que este expediente non ten ningunha substancia, ningún motivo para ser incoado e, en boa lei, ningún percorrido, estamos ante un trámite que se ten que resolver internamente, no marco dun servizo moi xerarquizado, onde hai uns superiores e xente que obedece. E se hai un superior que me quere afundir, non teño practicamente ningunha defensa.

Eu nisto vexo máis un ánimo de desquite que de facer xustiza. Creo que non había ningún motivo para remover esta historia, porque o que ocorreu o 30 de novembro do ano pasado, un día antes de que se fixese efectivo o feche da sala de partos de Verín e as urxencias pediátricas, foi algo que acontece todos os días en todos os traballos, onde hai discrepancias de pareceres. Co engadido de que neste caso o que se fixo foi o que ela [a pediatra] quixo.

Se non fose polo apoio que recibo da xente, temería moito polo resultado deste procedemento. Mais estou relativamente tranquilo, non creo que se atrevan a castigarme, non só pola presión social, senón porque os feitos non son constitutivos de nada.

Que sucedeu aquel 30 de novembro que motivou a apertura deste expediente disciplinario?

Ese día asistimos o último parto antes de que a Xunta clausurase o paritorio, como xa anunciara que ía facer. Entón, existía un calendario de gardas de pediatría que cubría o servizo até as oito da mañá do 1 de decembro. Coa mala sorte de que o día 30 se produciu un nacemento. Foi un parto normal, cun neno san, que despois das oito da mañá do primeiro de decembro quedaría sen atención pediátrica ao rematar a garda prevista. Nese escenario, ou quedaba a pediatra cubrindo o servizo até dar de alta a crianza ou trasladaba o meniño, o que a levou a buscar un motivo que xustificase o desprazamento a Ourense do neno. 

Pasou a mañá buscando un motivo. Ao cabo, trasladoulles aos pais a necesidade de trasladar o cativo porque corría o perigo, en contra do criterio das enfermeiras da matrona e de min mesmo, cuxa presenza, solicitaron os pais. Eu expliqueilles que non vía razóns para movelo, pero que tampouco era pediatra, e que en todo caso, eles tiñan a última palabra. 

Que resolveron os pais?
Os pais negáronse a mover o neno. E foi a raíz dese encontro que falamos. Pregunteille porque facía aquelo e díxome que tiña en conta un protocolo de risco infeccioso, pero que se me parecía ben, mantería a crianza vixiada durante unhas horas e se entón todo estaba ben, o neno  podía quedar. Pero non pasaron 20 minutos e xa me avisaron de o ían trasladar. Nese tempo levantaron teléfonos, puxéronse  en contacto cun directivo de garda do hospital e enviaron a unha supervisora de consultas cun documento para que os pais se fixesen responsábeis de calquera cousa que lle puidese pasar ao seu fillo. Ante esa situación os pais aceptaron o traslado. E non pasou máis. 

Teme ser sancionado un anos despois do incidente?
No seu momento, Inspección de Ourense chamounos a min, á pediatra, á matrona e á supervisora de consultas que fora convocada. Demos a nosa versión, coincidente, salvo no caso da pediatra. Aquel día eu dei este suceso por fechado, porque non tivo maior transcendencia. Pero un ano despois chégame a incoación dun expediente. E non me ule ben.

Se non fose polo apoio que recibo da xente, temería moito polo resultado deste procedemento. Mais estou relativamente tranquilo, non creo que se atrevan a castigarme, non só pola presión social, senón porque os feitos non son constitutivos de nada.

En xogo, dous anos de inhabilitación

O expediente disciplinario incoado a Javier Castrillo resolverase no ámbito do Sergas. "No meu caso, nomearon un instrutor e un secretario da Inspección de Vigo, algo que non entendo e que me despista bastante. Deberan ser de Ourense, ou se buscan alguén alleo, de Santiago", sinala o afectado, quen incide na xerarquización dun procedemento que pode castigalo con dous anos de inhabilitación. "De ser sancionado, podo acudir aos tribunais ordinarios e reclamar, pero debería cumprir o castigo, e co que tarda a Xustiza aquí, aínda que resolvese ao meu favor, a miña actividade laboral xa estaría destruída".

Sobre a continuidade do paritorio de Verín, amósase satisfeito. "Remataremos o anos con entre 120 e 130 partos, o que demostra que os números do ano pasado -moi cativos- provocáronos á mantenta para baleirar de contido o hospital".