Ultiman protestas en defensa do xinecólogo de Verín ao que se expedientou

Concentración fronte ao Parlamento polo mantemento do servizo en Verín. (Foto: Europa Press)

Distintos grupos cidadáns e políticos consideran que a Xunta está a perseguir ao médico por ter defendido o mantemento do paridoiro da vila cando se anunciou o seu fechamento.

Após que transcendera a apertura dun expediente disciplinario ao xinecólogo Javier Castrillo, que foi unha das voces que máis se alzou pola defensa do paridoiro de Verín hai un ano, colectivos tanto sociais como políticos están a amosar o seu apoio ao doutor.

A Plataforma Verín non se Pecha contra a desaparición do paridoiro do hospital comarcal anuncio esta segunda feira que “Castrillo non se toca” e que hai en marcha varias accións de protesta contra esta situación á que se enfronta o xefe de Xinecoloxía do municipio.

Desde o colectivo ven esta actuación da Xunta como “unha vinganza política” que, lonxe de quedar en nada, podería supoñer que Castrillo estivese dous anos inhabilitado para exercer a súa profesión.

Pola súa banda, tanto o BNG como o PsdeG pediron explicacións no Parlamento. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, mesmo chegou a pedir que se destitúa ás ou aos responsábeis directos da decisión.

O PP amosou o seu respecto ante esta opción de expedientar ao facultativo.

Coartar as liberdades

Mais, outras voces tamén se fixeron oír hoxe. É o caso da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que sostén que esta noticia é “unha represalia por participar nas mobilizacións contra o feche do paridoiro”.

O colectivo tamén pensa que esta acción pode implicar un condicionamento a outras e outros profesionais sanitarios. É como “enviar unha mensaxe de advertencia para que non poñan en cuestión nin participen en mobilizacións contra as decisións adoptadas pola Administración”.

A entidade critica duramente que se estea a “coartar a liberdade de expresión e manifestación” do persoal sanitario da Galiza, polo que exixe que o expediente sexa retirado.