Posicionouse claramente contra o feche do paritorio

Expedientan o xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín

O xinecólogo, Javier Castrillo. (Foto: Nós Diario)
O Sergas notífícalle ao doutor Javier Castrillo a apertura dun expediente disciplinario en relación ao sucedido hai case un ano no paritorio de Verín. A decisión, con "tintes de vinganza", xustifícase en que o xinecólogo contraiu no seu momento a decisión doutra profesional.

O responsábel do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo,  recibiu notificación da apertura dun expediente disciplinario, segundo adiantaba o Diario do Támega,  en relación aos feitos que sucederon hai case un ano, xusto antes de que se fixese efectivo o polémico feche do paritorio comarcal, posteriormente reaberto pola Xunta.

O doutor ve neste expediente, "que se incoa en Vigo, onde Félix Rubial estivo tamén á fronte da área sanitaria", unha "vinganza" do agora xerente da área ourensá. O castigo ao que o expón podería acadar os dous anos de inhabilitación profesional.

Segundo explica a Europa Press o propio Castrillo, a actuación pola que se lle incoa o expediente remóntase ao pasado 30 de novembro de 2019, xornada na que naceu o que, en principio, estaba chamado a ser o derradeiro neno que nacería n o centro sanitario comarcal.

Castrillo sostén que o neno naceu "sen complicacións nin ningún problema" e sinala que as matronas ratificaron que así era, pero a pediatra de garda recomendou que "se derivase o neno a Ourense", atopando a oposición do xefe de Xinecoloxía, por non ver razón para iso.

Finalmente, o bebé acabou sendo trasladado, pero o Sergas notifica agora un expediente ao xinecólogo, segundo di, por contravir a decisión doutra profesional, neste caso a pediatra, o que se considera unha falta "grave".

Á espera dos pasos administrativos que poidan derivar tras a notificación en chave interna, Castrillo, que recibiu o aviso do expediente o pasado luns, prevé solicitar que se lle entregue unha copia do contido das actuacións iniciadas contra el, co fin de poder defenderse.

Desde Europa Press infórmase de que a Consellaría de Sanidade se limitou a dicir ao respecto que "son procedementos internos dos que só se traslada información directamente aos interesados".

Desde o Bloque Nacionalista Galego, parte activa nas reivindicacións arredor do paritorio de Verín, a súa deputada Noa Presas afirmaba hoxe que a formación recibe “con sorpresa e alarma a noticia”, por tratarse dun ”un acontecemento sen consecuencias, cando non se investigaron feitos graves de violencia obstétrica coa separación de bebés e nais nas primeiras horas postparto” e pregúntase se a dirección sanitaria de Ourense “non ten outra cousa que facer que axustar contas”.

Tanto o BNG como as formacións feministas denunciaron no seu día “situacións como a vivida o 12 de decembro, cando se produciu un parto de urxencia e a velocidade de dilatación era tal que o persoal sanitario de Verín decidiu atender o nacemento no hospital comarcal e evitar os riscos dun traslado”, lembra Noa Presas.

Posteriormente sucedéronse graves feitos que precisaron a concorrencia do aparello xudicial e que remataron coa crianza sendo despoxada da súa nai e trasladada de forma separada até Ourense, con horas de diferenza, incumprindo os protocolos na materia.

Para Presas “estes feitos constitúen un exemplo de violencia contra as mulleres e non foron investigados polo que sorprende que agora se coñeza un procedemento desta embergadura contra un profesional que se significou publicamente a favor do mantemento do servizo en Verín”.