Coronavirus: Restrición da mobilidade en Ourense

Jácome insta a cumprir as restricións e o PSOE exixe máis transparencia sobre os casos de Covid

Veciñas e veciños de Ourense nas terrazas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que continúa cun Goberno local de mínimos non opina de se as medidas son as axeitadas ou non pero insta á veciñanza a cumprilas. Outros grupos con representación no Consistorio amosan a súa preocupación polo sector da hostalaría.

En medio das disputas políticas nas que está sumido o Concello de Ourense, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, tivo tempo esta cuarta feira para pedir á cidadanía que faga “caso ao comité” clínico que recomendou o feche da mobilidade fóra do termo municipal (ao igual que ocorre en Barbadás).

 

O rexedor destacou que “o máis importante neste momento” é ser quen de reducir o número de contaxios, que na área sanitaria de Ourense levan días subindo sen control. Jácome non quixo opinar sobre se as medidas son as axeitadas ou non pero si pediu que se cumpran.

 

As restricións entrarán en vigor na medianoite do xoves. A partir dese momento só se poderá saír de Ourense -e o mesmo sucede con Barbadás- por razóns xustificadas vinculadas á educación, a sanidade ou o traballo.

 

Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal socialista, Rafael Villarino, recoñeceu que non vai pór en dúbida a recomendación do grupo de persoas expertas, pero si critica a “falta de transparencia” da Xunta.

Unha mirada ao sector hostaleiro

 

O socialista entende que se debe aclarar o motivo polo que é necesario recorrer a esta prohibición na cidade se “non se cumpren os requisitos obxectivos nin por número de casos, nin por urxencias, nin polas PCR”.

 

Neste sentido avisa, por exemplo, de que a hostalaría está “moi enfadada” coa acumulación de limitacións. Neste mesmo discurso está o portavoz de Ciudadanos, José Araujo, (que foi gañando visibilidade estas semanas por ser mediador para saír da crise de goberno). Malia que está a favor das medidas, lamenta que “nuns sectores vale todo e noutros case nada”.

 

Os danos aos locais hostaleiros semellan irreparábeis para as próximas xornadas. Se xa estaban limitados os grupos a persoas convivintes, agora non poderán servir no interior e terán operativas só parte das terrazas.

O exemplo da Mariña

O Partido Popular, que até hai unhas semanas formaba goberno con Democracia Ourensá, remarcou hoxe que as restricións son "as necesarias", xa que así o decretou un comité de expertos "de renome internacional", polo que non se trata dunha decisión política, senón dunha decisión sanitaria.

Os populares incidiron en que as medidas xa foron “efectivas” na Mariña, polo que xa estarían fóra de dúbidas.

Na xornada de hoxe tamén se constituíu o Centro de Coordinación das actuacións das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e dos corpos da Policía Local (Cecor).