Sanidade comprométese a enviar dous partes á semana aos concellos para informar da pandemia

Feixoo, hoxe, á chegada a un encontro coa Fegamp. (Foto: Europa Press)
Os municipios levaban tempo solicitando que a Xunta lles facilitase información sobre a evolución do coronavirus nos seus territorios. En calquera caso, os mapas que remitirá a consellaría terán dous baremos segundo o volume de poboación de cada concello.

Após bastante tempo de insistencia, os concellos logran o compromiso da Xunta para contar con información máis ou menos detallada da evolución da pandemia dentro dos límites municipais. Así o anunciou onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que pediu “desculpas” porque a información non sempre vai o rápido que se precisa.

Segundo explicou, cada martes e xoves -como idea inicial-, a Consellaría de Sanidade remitirá ás corporacións municipais as estatísticas de contaxios e prevalencia da Covid-19 con mapas a sete e 14 días vista para que cada quen poida analizar a situación epidemiolóxica.

O responsábel do Executivo galego, engadiu que se deixará clara a situación con semáforos con cores verde, amarela, laranxa e vermella, en función da expansión dos contaxios.

Ademais, advertiu aos municipios (logo de reunirse co presidente da Fegamp, Alberto Varela, e rexeitar unha transferencia de fondos para axudar a pagar os gastos extraordinarios derivados da alerta sanitaria) de que haberá dous baremos de información.

As localidades de menos de 50.000 veciñas e veciños terán datos de novos contaxios, mentres que en aqueles municipios de máis de 50.000 habitantes só se terán datos de novos contaxios por cada 100.000 habitantes. No primeiro caso haberá cifras reais mentres que no segundo, haberá que fiar as estratexias da política municipal a taxas.

No entanto, aínda queda por ver se a Fegamp acepta este grado de información porque hoxe se reclamou unha documentación máis precisa e igualitaria para todos.

Respecto á confidencialidade á que teñen dereito das e dos galegos, Feixoo afirmou que a información que se remitirá “preserva o dereito á historia clínica reservada”. Isto significa que saberán números ou taxas, pero non con nome e apelidos.

Un abano de parámetros como xustificación?

Os mapas cos códigos de colores serán os que indiquen “a situación epidemiolóxica do concello sen entrar nas historias clínicas dos cidadáns".

Terán validez "para ir vendo como evoluciona a situación, entendendo que os datos que imos dar son o número de casos novos que vaiamos tendo, que é o realmente preocupante", subliñou o presidente da Xunta, aludindo aos días nos que chegarán as estatísticas aos municipios.

Na súa opinión, “o preocupante non é ver só o número de infectados nun concello”, algo que semella unha xustificación de por que os grandes municipios non terán datos absolutos. Así, referiuse a se hai ou non residencias de maiores no termo municipal, se se dá un brote nunha factoría ou se a poboación é maior ou menor, entre outros parámetros a ter en conta.