Jácome cede á presión social e dálle un ano máis de vida á Universidade Popular

A páxina web da Concellaría de Educación aínda recolle a UPO. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Ourense viuse obrigado a rectificar a súa previsión de feche ou transferencia á Deputación debido á campaña en contra desta decisión, malia que aludiu a unha falta de acordo coa institución provincial. No entanto, ten previsto cambiar o nome á institución.

O Concello de Ourense non eliminará a Universidade Popular de Ourense (UPO) de momento, tal e como tiña previsto o alcalde Gonzalo Pérez Jácome. O rexedor vén de dar marcha atrás no seu plan para transferir esta institución á Deputación ou suprimila por completo dada a forte resposta social en contra.

O líder de Democracia Ourensá non recoñeceu que a decisión tivera relación coa presión social senón que a vinculou á falta de acordo para a transferencia á institución provincial.

A nova trasladouse a través dun comunicado no que se aclara que o cambio de mans “implicaba o programa municipal e tamén os locais anexos para impartir clases”, polo que a proximidade do curso 2022 fixo recomendábel o aprazamento dun ano.

Ademais, fálase dun cambio de nome. "Definitivamente, cambiaráselle o nome entendendo que non pode levar a nomenclatura de universidade, non estamos diante dun servizo esencial, de feito, das sete urbes galegas só existe universidade popular na cidade de Ourense", agregou o alcalde.

En todo caso, asegura que a mudanza vai implicar maior acceso á formación, convenios “para evitar competencia desleal” e unha maior difusión da labor que fai a entidade.

A plataforma en defensa da UPO non ve unha solución

Malia este suposto compromiso, a plataforma Non ao Peche da UPO pensa que se trata só “dunha cortina de fume”. Alude ao comunicado como unha “tomadura de pelo” porque, ao seu parecer, “de nada serve que deixe de falar con Baltar durante un ano”.

“Para nós non se solucionou nada”, advirte, acusando a Pérez Jácome de querer “facer chiringuitos dos que non se sabe nada” co cambio de nomenclatura.

O colectivo volve insistir en que a UPO funciona, xera retorno económico para Ourense e 100.000 euros non son un investimento tan grande para unha cidade con millóns de orzamento.

Ademais, destacan que despois de tantos anos funcionando segue a ter listas de agarda. "Se quere admitirnos a todos e despois facer un sorteo xusto é unha opción válida, pero o lóxico sería que se hai algún curso no que hai 60 matriculados e só 30 prazas se contrate a un novo profesor; iso sería o que faría alguén que quere promocionar a cidade", incide o grupo, que aposta na creación de cultura cidadá.