Lucía Afonso, apicultora: "Isto é o que queda de colmeas que estaban polinizando, purificando o aire, producindo mel..."

Hai xusto un mes, o 30 de xullo, deuse por extinguido o incendio que arrasou 7.000 hectáreas no parque natural do Invernadeiro.
Tras deixar unha vida anterior para se converter en pastora de abellas en ecolóxico no Macizo Central, a responsábel de Sovoral Mel fai fronte ao impacto dos incendios nas súas abellarizas e ao "desleixo" da Administración cos pequenos apicultores.

En 2011 Lucía Afonso pediu unha excedencia no seu traballo e deixou Vigo para pensar ben se regresar ou non. Marchou a Verín, á casa familiar, onde seu pai criaba abellas como afeccionado. O primeiro día decidiu acompañalo ás alvarizas. "Botei alí da mañá a noite e ao volver  dixen: quero dedicarme a isto". 

Desde 2013 está á fronte de Sovoral Mel, unha empresa familiar na que ademais dela participan as súas irmás. Tiña claro que quería producir mel en ecolóxico, ao escoller como novo espazo de traballo o Macizo Central, unha zona virxe na que plantar ou medicar as abellas non é unha opción.

Na Galiza os "puntos ecolóxicos" son escasos, di, xa que precisan un radio de tres quilómetros en toda a volta libre de autoestradas, tendidos eléctricos, invernadoiros ou poboacións grandes. O seu está entre o lugar de Camba e Manzaneda, un territorio que colle parte da serra do Invernadeiro e parte do Fial das Corzas.

Abrasadas polo lume

O incendio declarado a finais de xullo nese enclave protexido acabou con parte das súas colmeas. "O desleixo é tremendo. A xente do rural non existimos e se somos pequenos moito menos". Afonso asegura que o fogo que acabou con parte das súas abellas foi intencionado, ao se iniciar "nunha regateira que só os que somos de aquí sabemos acceder. Despois coincidiu que plantaron en Chandrexa e no Invernadeiro. Xuntáronse os tres e foi imparábel".

Segundo explica foi imposíbel parar o lume porque non había medios. "Cando me avisaron e cheguei alí a imaxe era para chorar. Había só dous forestais. Esas eran as brigadas, de dúas e tres persoas que non podían facer nada ante aquel incendio monstruoso".

O problema é cando chegue o mes de marzo e se atopen con que non vai haber queiruga, ericáceas, castiñeiro, xesta de alta montaña, lavanda, herbas do cazador, melaza...

En catro días non subiu un só camión motobomba e os medios aéreos, relata, centrábanse en apagar o fogo que afectaba a zona da Edreira, onde "ardía un piñeiral da Xunta da Galiza". "Non podía crer que deixasen abandonada a única explotación ecolóxica do Macizo por salvar uns piñeiros na montaña de enfronte mentres ardía o Invernadeiro". 

Así que sen máis recursos que os propios e a axuda dos forestais "que o deron todo nunhas condicións extremas", optaron por coller o sacho e cavar un cortalumes para salvar as abellarizas que quedaban. Os esforzos deron algún resultado antes de que as lapas se volvesen desbocar. "Sorte que choveu".

Perdas

A Lucía Afonso ardéronlle unhas 50 colmeas. Pero o problema maior é a desaparición de todo o pasto apícola que debera alimentar as abellas que sobreviviron a partir da primavera. "Até dentro de tres ou catro anos morreu todo, non van ter comida".
Agora, di, pasarán o inverno co mel que lles queda. "Este ano sacaremos o mínimo así que terán para comer, o problema é cando chegue o mes de marzo, saian fortes da invernada e se atopen con que non vai haber queiruga, ericáceas, castiñeiro, xesta de alta montaña, lavanda, herbas do cazador, melaza... Nada".

E nada, tamén, é o que quedou en na lata montaña onde coida boa parte das súas abellas. Explícao nun vídeo que compartiu con Nos Diario, da súa primeira visita ao apiario danando polo lume: "Estes son os restos que quedan de colmeas que estaban polinizando, purificando o aire, producindo mel, osixendno todo, fertilizando a terra... Absolutamente nada. isto é un asasinato de animais".

A colleita deste ano dana por perdida. Esta semana farán repaso das colmeas e unha estimación dos litros de mel que van deixar de recoller. Será o momento, tamén, de decidir o futuro das que resistiron -unhas 150-. Entre as alternativas está a de buscar outra localización para as abellas. "Unha zona de alta montaña só a imos atopar en Lugo, pero vai ser moi complicado dar cun espazo acaído para a produción en ecolóxico".

Reforestación

Con todo, o maior empeño de Sovoral Mel é recuperar o contorno natural. Xa están a deseñar distintas iniciativas para recadar fondos e reforestar a zona arrasada polo lume. Mais tamén estudarán as liñas de axuda do Goberno galego. "A vía que adoita abrir é a de pagar uns cartos por colmea, que é absurdo. É o menos importante", di Afonso. Ela, que traballa con métodos biomecánicos e fai unha selección apícola co fin de recuperar unha abella da zona, o que busca é protexer por en valor ese labor.