“Isto é inaceptábel”: outra segunda feira de atrasos e incidencias nos trens do Eixo Atlántico

Xente agardando para acceder ao tren en Vilagarcía, que chegou con atraso (Foto: Nós Diario)

Trens que acumularon máis dunha hora de atraso e falla de información indignan os usuarios do servizo.

Unha nova xornada de incidencias nas liñas ferroviarias da Galiza, que colle o relevo dunha fin de semana na que tamén houbo problemas, derivados neste caso (o domingo) de que trens programados como de dobre composición circularon en formato sinxelo, polo que houbo que habilitar autobuses para as persoas usuarias.

Esta segunda feira, os problemas comezaron cedo. Unha incidencia técnica no tren que sae de Vigo cara a A Coruña ás 6:40 non o fixo até as 7:45, unha hora despois. Ese atraso foi repercutindo en todas as estacións, ás que chegaba tarde e afectando centos de persoas pois este tren é normal que vaia completo.

No outro extremo da liña, A Coruña, tampouco empezou a xornada con tranquilidade. O tren, segundo denuncia dos usuarios a través das redes sociais, partiu con atraso e con menos vagóns dos precisos para cubrir todas as prazas reservadas.

Todo isto, critican os usuarios do servizo, sen que houbese a información necesaria, co que se xeraron momentos de crispación e anoxo.

 

Na estación de Vilagarcía de Arousa dispoñibilizáronse autobuses para poder transportar até Vigo a aqueles viaxeiros e viaxeiras que ficaron sen praza, malia tela reservada.

“Isto é inceptábel e non nos queda máis remedio que pedir responsabilidades en Renfe, Adif e o Ministerio de Transportes . O tren é un servizo esencial e na Galiza non se cumpre as garantías mínimas prexudicando miles de traballadores. Esiximos desculpas oficiais e cambios, XA!”, recóllese nunha conta de X que empregan os usuarios. "Que escusa hai xa para non ampliar frecuencias empezando por  madrugadores na Galiza? Que mais fai falta para reforzar persoal?  E para esixir resultados ao plan de puntualidade a Renfe e Adif?", pregúntanse nesa conta de X.

O Goberno español di que "traballa por unha solución"

O delegado do Gobernoespañol na Galiza, Pedro Branco, indicou esta segunda feira que o Executivo estatal  traballa coa operadora ferroviaria Renfe e o administrador de infraestruturas Adif para dar "solución inmediata" aos viaxeiros afectados ante os "reiterados" atrasos de trens rexistrados na Galiza nos últimos días.

En declaracións aos medios de comunicación, Branco dixo que o Goberno español está "absolutamente implicado" cos usuarios e en "comunicación constante" con eles. Segundo el, o feito de que a medio prazo se poida solucionar esta situación non significa que non se busque unha "solución inmediata" para os viaxeiros. Por iso, quixo enviar unha mensaxe de que se está traballando para que todos os galegos que cada mañá utilizan o tren poidan facelo sen atrasos, co obxectivo de que non se repitan situacións como as vividas esta segunda feira e que se dean "solucións alternativas" aos viaxeiros.

BNG urxe solucionar os continuos retrasos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda ao Goberno do Estado levar a cabo unha contundente actuación para pór fin aos retrasos continuados nos servizos ferroviarios na Galiza. Neste sentido, a organización nacionalista explica que, ademais do Plan de puntualidade, o executivo debe contemplar a reestruturación de horarios, a adecuación dos tempos de viaxe á duración real, o incremento das frecuencias e o aumento de prazas para dar cobertura á demanda actual. A maior parte dos servizos ferroviarios que se prestan na Galiza están a sufrir retrasos importantes de maneira diaria, critica. "Un problema para millares de usuarios que están a perder confianza no servizo pola pouca fiabilidade dos horarios" xa que, sen incidencias, padecen entre 5 e 10 minutos de retrasos, como mínimo.

“Esta situación leva as persoas usuarias a cuestionar se chegarán a tempo aos seus destinos cando deciden utilizar o tren para os desprazamentos” denuncia o deputado do BNG. Nas conexións entre Santiago e A Coruña, exemplifica Rego, os atrasos habitualmente superan amplamente os vinte minutos, chegando até unha hora no Eixo Atlántico.